ALCALDÍA

O Concello aproveitará a construción do túnel do Hórreo para remodelar a superficie da área

27/06/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que o Concello acometerá a remodelación da superficie do tramo en paralelo á estación do tren dende a rotonda de Galuresa. Deste xeito, aproveitarase a construción do túnel do Hórreo para dotar á zona de beirarrúas máis amplas e de paradas para o autobús.

O obxectivo desta remodelación, segundo Sánchez Bugallo, é facilitar a conexión da futura estación do AVE co centro da cidade. Así, ampliaranse as beirarrúas nos dous laterais e habilitaranse paradas para o autobús, tamén nos dous lados, que facilitarán, por exemplo, o servizo a aquelas persoas que van ao centro de saúde Concepción Arenal.

Recordou o alcalde que, coa construción do túnel do Hórreo, quedarán catro carrís inferiores e outros catro en superficie. Estas obras na superficie acometeríanse antes de que remataran as do propio túnel.

Praza de Galicia
Outra obra de capital importancia para a cidade, a da Praza de Galicia, entra na súa última fase. Segundo indicou o rexedor compostelán, a comisión encargada de avaliar os proxectos gañadores no concurso de ideas, reunirase na vindeira semana e formulará a súa proposta de remodelación.

Decididas as características básicas desta actuación, poderase xa encargar a redacción do proxecto. Tamén nesta semana ou na seguinte entregaranse os premios aos gañadores do concurso de ideas.

Licenzas
Sobre a actualidade semanal, o alcalde falou da concesión da licenza de construción e apertura do centro comercial das Cancelas, co obxectivo de que esta listo a finais de 2009. Resaltou a "importante transformación e impulso para a zona norte da cidade" que vai supor este complexo.

Tamén sobre licenzas, Sánchez Bugallo valorou a autorización dun spa no hotel Puerta del Camino, e avogou por seguir atraendo "un turismo de calidade e, canto máis diversificado, mellor". Recordou neste sentido que Santiago acapara o 66% das prazas hoteleiras de cinco estrelas de Galicia.

Declaración de intereses
Finalmente, referiuse "ao paso importante na transparencia" que implica a publicación na páxina web municipal do rexistro de intereses das declaracións de 22 dos 25 concelleiros. Sobre os tres que non a autorizaron, o alcalde indicou que se farán as consultas correspondentes á Xunta e ao Ministerio de Administracións Públicas e "entón tomaremos a decisión que corresponda, segundo isto sexa unha infracción a unha lei ou a unha ordenanza municipal". Sánchez Bugallo reiterou que a publicación do rexistro de intereses conta co ditame favorable da Axencia de Protección de Datos.

Compartir: