TURISMO

Créase o Consello Sectorial de Turismo

26/06/2008 Na sesión ordinaria do Pleno Municipal acordouse por unanimidade a constitución do Consello Municipal Sectorial do Turismo e aprobouse o seu regulamento. Este será un órgano colexiado de participación que servirá de canle de participación e diálogo dos interlocutores sociais no desenvolvemento da política turística do Concello de Santiago.

Entre os cometidos do Consello estará o de propor aos órganos municipais competentes criterios de actuación e participar no seguimento da xestión municipal da área de turismo, ou informar sobre temas do sector. Esta órgano será informado dos ditames aprobados polas distintas comisións informativas e das resolucións do alcalde, do Pleno e da Xunta de Goberno sobre estas cuestións.

O Consello, ademais de ser órgano de consulta, emitirá informes sobre turismo e formulará propostas e suxestións en relación co funcionamento dos servizos organismos públicos municipais. Establecerá canles de relación con outras administracións ou organizacións e presentará unha memoria anual da súa actuación.

O Pleno do Consello estará presidido polo alcalde ou, por delegación, polo concelleiro de Turismo. Estarán tamén cinco representantes dos grupos municipais, un representante da Cámara de Comercio, dous da Asociación de Hostalería, un da Universidade, o xerente de Turismo de Santiago, un representante da Dirección Xeral de Turismo da Xunta, un técnico da Concellería de Promoción Económica e Comercio, un representante de CETUR, un do ámbito da cultura proposto polo Consello Municipal de Cultura, un dos guías turísticos, outro dos pazos de congresos e tres expertos en turismo, designados polo Consello Municipal de Turismo.

Este Pleno reunirase en sesión ordinaria cando menos unha vez cada tres meses. Tamén poderá ter reunións extraordinarias e poderanse crear comisións de traballo.

Compartir: