URBANISMO

Santiago, escollida como referente de vivenda social na primeira xuntanza do URBACT

26/06/2008 Xosé A. Sánchez Bugallo, deu inicio de maneira oficial ao programa do URBACT, no Centro de Estudos Avanzados da USC, onde os representantes das cidades de Nantes, Medway, Siemianowice Slaskie, Rennes e Albacete mostráronse moi interesados en coñecer as políticas de vivenda que se están desenvolvendo en Santiago. O representante da Secretaría europea do Programa URBACT, Raffaele Barbato, afirmou que Compostela fora "escollida para liderar este programa pola súa ampla experiencia no planeamento e xestión de vivendas protexidas, que seguramente será de grande axuda para todos os participantes do proxecto".

Na reunión do xoves 26 delimitáronse como obxectivos principais o feito de que as cidades cooperen para optimizar a produción sostible de vivenda social; e que se propoñan solucións que afronten o problema da vivenda como factor de inclusión social e urbana, favorecendo a integración dos barrios.

Retos de Santiago
Neste sentido, os retos locais propostos pola delegación de Compostela, encabezada pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, foron os seguintes:

1.- Desenvolvemento dos plans aprobados e difusión da súa práctica e resultados.
2.- Deseño dun urbanismo sostible que conecte todas as áreas da cidade.
3.- Busca de solucións alternativas para as novas familias e os máis desfavorecidos.
4.- Construción de vivendas que teñan en conta os estándares de calidade e que respecten os criterios ambientais e de eficiencia enerxética.

O venres 27 está previsto que a delegación de Santiago lles amose aos seus socios as prácticas e as políticas de vivenda que se desenvolven dende o Concello mediante unha visita a Vite, como mostra das primeiras actuacións; e a zonas máis recentes no norte da cidade como Meixonfrío, e tamén no Sur como Santa Marta. Ademais, haberá tamén unha explicación do proxecto de vivendas sociais en réxime de alugueiro desenvolvido en Belvís.

Compartir: