MOCIDADE

Boa acollida entre o público da primeira edición do "MúsicaXove"

26/06/2008 O concelleiro de Mocidade de Santiago, Xosé Baqueiro, realizou un balance do I Certame MúsicaXove´08 e mostrou a súa satisfacción por como se estaba a desenvolver e a boa acollida que tiña entre a mocidade de Santiago, que un venres tras outro acudía a Sala Capitol para gozar coa música dos grupos participantes no concurso. Cualificou esta actividade como unha boa alternativa de ocio ao botellón.

O concelleiro recordou que o certame musical busca o apoio aos novos grupos que inician a súa traxectoria empregando a Rede Galega de Locais de Ensaio, que "en Santiago conta con 52 grupos e unha ampla lista de espera", sinalou Baqueiro. En concreto, nesta primeira edición do concurso presentáronse 25 grupos para a fase de clasificación, dos cales 14 chegaron ás catro finais de metal, hip hop, pop-rock e autor-folk.

"No MúsicaXove´08 todos os participantes deixan ver a súa calidade artística e un grande entusiasmo enriba do escenario, ademais de compañeirismo entre todos os grupos", destacou Baqueiro.

Unha noite con pop e folk
O certame comezou o venres, 13 de xuño, coas actuacións dos catro grupos de metal, Codename, The Weak Force, Deserve, e Thinking Twice, que gañou o primeiro. O venres 20 tocoulle o turno aos grupos de hip hop: Jotace, de Ribadeo, e os composteláns Bronquitis Crónica, Mito Escrito e Pa La Peña, que resultou o gañador da noite.

O venres 27, ás 22:00 horas na Sala Capitol, haberá unha dobre final. Na modalidade de pop-rock competirán catro bandas (Sinestesia, Snatch, Dirty Socks, de Santiago, e un último grupo formado só por rapazas de Boiro, Agoraphobia). Son bandas formados recentemente por xente moi nova con ganas de compartir a súa música e de dála a coñecer a todo o público. Por último, subirán ao escenario dous grupos de folk, Loba Loo e GS21, agrupacións con anos de experiencia na música tradicional que chegan con ansias de demostrar todo o seu bo facer. O concelleiro de Mocidade animou a todos os mozos e mozas da cidade a que recollan a súa entrada de balde a partir das 21:30 horas na taquilla da Capitol e gocen co directo dos grupos.

Sorteo de cinco entradas dobres para o Rock in Río de Madrid
Os vencedores de cada final optarán á gravación dun traballo discográfico conxunto e recibirán o apoio municipal cunha campaña de promoción que comezá cun concerto o 31 de xullo, no último día das Festas do Apóstolo.

Baqueiro destacou que, ao final das actuacións, sortearanse 5 entradas dobres para ir o día 5 de xullo ao Rock in Río de Madrid, nunha viaxe gratuíta e organizada pola Concellaría para gozar cos directos de The Police, Alejandro Sanz, Estopa e o espectáculo Flamenco All Stars (con Antonio Carmona, Rosario Flores e outros).

Documentos relacionados



Compartir: