TURISMO

Cento trece tapas compiten por ser a mellor de Santiago

26/06/2008 A Concellaría de Promoción Económica e Turismo presentou o Tapasporte, no marco do I Concurso de Tapas de Santiago de Compostela SANTIAGO(é)TAPAS. Esta ferramenta propón 5 (é)TAPAS gastronómicas, rutas que agrupan aos 45 estabelecementos de hostalaría que participan no concurso e que, entre o 28 de xuño e o 13 de xullo, competirán por ofrecer a visitantes e composteláns as súas mellores elaboracións en forma de tapa.

Co Tapasporte, Turismo de Santiago busca fomentar a participación de composteláns e turistas no concurso. Facendo un símil coa credencial que utilizan os peregrinos cando chegan a Compostela, os usuarios do Tapasporte recibirán un selo tras consumir a súa tapa. Esta orixinal ferramenta propón 5 rutas ou (é)TAPAS gastronómicas, formadas por estabelecementos próximos entre si, para promover as diferentes zonas de tapeo da cidade: Praza do Obradoiro, Praza de Cervantes, Praza de Galicia, Praza Roxa e Camiño Francés.

Os usuarios do Tapasporte poderán optar a centos de premios directos segundo o número de (é)TAPAS que completen: botellas de viño e cursos de cata, cheques regalo de 10 euros, camisetas, guías gastronómicas e Walking Tours de Turismo de Santiago. Ademais, as 5 primeiras persoas que cubran o Tapasporte con todos os selos dos estabelecementos de todas as (é)TAPAS recibirán unha pantalla LCD de 19’ e entre as restantes persoas que completen o Tapasporte antes do 13 de xullo sortearanse outras 5 pantallas LCD.

Cada estabelecemento presenta entre 1 e 3 tapas, ata chegar ao total de 113 tapas a concurso. En www.santiagoetapas.com está a disposición do público a ficha técnica co nome, ingredientes e xeito de preparación de cada tapa, que figurará na oferta dos estabelecementos durante os días do concurso. Os participantes estarán identificados cun orixinal distintivo de SANTIAGO(é)TAPAS.

A organización ten establecidos seis premios, cinco outorgados polo xurado, que estará composto por persoas do ámbito da hostalaría, o turismo ou o xornalismo gastronómico, á Mellor Tapa, Tapa Tradicional, Tapa Creativa, Tapa "Galicia Calidade" e Tapa "Estrella Galicia". Xunto a eles entregarase o premio Tapa do Público, decidido por votación popular. Entre todos os votos emitidos sortearanse 2 billetes de avión da compañía Air Berlín a calquera destino europeo. Ademais, entre os estabelecementos participantes sortearase unha invitación para dúas persoas ao Forum Gastronomic de Girona.

Tamén asistiron á presentación Iñaki Gaztelumendi, xerente de Turismo de Santiago, Jesús Sordo, presidente da Asociación de Hostalería de Santiago, Xabier Ignacio Louzao, xerente de Galicia Calidade, Cecilia Babarro, xefa de Comunicación de Estrella Galicia, e Ana Iglesias, coordinadora de Sociedade de El Correo Gallego.

SANTIAGO(é)TAPAS enmárcase dentro da aposta estratéxica de Turismo de Santiago polo fomento do turismo enogastronómico. Con este I Concurso de Tapas séguese ampliando a oferta de actividades gastronómicas en Compostela, poñendo en valor tanto aos produtos galegos como aos estabelecementos hostaleiros da cidade.

Direccións relacionadas



Compartir: