CULTURA

Teatro de Adro leva a súa "Comida chinesa" ao Principal

26/06/2008 Presentouse Comida chinesa, peza teatral para dous actores que Teatro de Adro vai levar ás táboas do Teatro Principal os días 27 e 28 de xuño a partir das 21:00 horas.

Na presentación da obra interveu Xosé Porto, Josito, actor protagonista de Comida chinesa xunto a Mónica García, quen sinalou o cambio de rumbo asumido pola compañía ao emprender a obra. "Teatro do Adro nace en 1997, levando ás táboas cinco pezas dirixidas por Cándido Pazó que acadaron certo éxito. Mais nos últimos tempos sentimos a necesidade de dar un xiro para nos achegar a un humor máis acedo e dar algo de medo ao público", afirmou Josito.

Nese intre chega ás mans do actor o texto orixinal de Comida chinesa, escrito por Pedro Ángel Ramos, que logo do traballo de adaptación e tradución de Lino Braxe, chega á escena.

Pedro Ángel Ramos, pola súa banda, afirmou que a súa vontade foi "tratar diferentes temas de alcance social como a pena de morte, a mente do psicópata ou a vinganza, coa finalidade de involucrar e facer pensar ao público". Ramos tomou partido no acto por un teatro reflexivo fronte á simple evasión.

Comida chinesa preséntase como unha obra para dous actores de ritmo trepidante que tenta chegar á mente dun psicópata, interpretado por Josito. A súa compañeira de escena, Mónica García, interpreta á psiquiatra da prisión na que se atopa o asasino, que sente debilidade polo home, emprendendo unha relación imposible e enfermiza.

A importancia da iluminación
Lino Braxe, director da obra, sinalou varios elementos de gran relevancia no resultado final do espectáculo. Por un lado salientou a iluminación e escenografía de Afonso Castro, que confiren á peza unha atmosfera especial e enfermiza. Asemade, destacou o papel activo de Mónica García que, no canto de se limitar ao simple labor actoral, achegou distintas ideas escénicas que ficaron plasmadas no resultado final.

Pola súa banda, Socorro García Conde, afirmou o compromiso da Concellaría que dirixe para coas artes escénicas, tanto na promoción e difusión de compañías de pequenos e mediano formato radicadas en Compostela, como na creación dun programa teatral variado que cree público afeccionado á arte dramática.

Compartir: