ALCALDÍA

O Consello Económico e Social dá o visto bo ao documento provisorio do Plan Estratéxico

25/06/2008 Os membros do Consello Económico e Social reuníronse para coñecer e dar aprobación ao documento final provisorio de liñas e medidas estratéxicas do Plan Estratéxico de Santiago de Compostela, que fai unha diagnose e achega as liñas mestras que seguirá a nosa cidade durante os vindeiros vinte anos.

Segundo ten explicado o presidente do Consello e alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, o obxectivo central do Plan Estratéxico é facer de Compostela "a porta dinámica e innovadora de Galicia". Unha cidade "aberta e de encontro, cun horizonte de desenvolvemento continuado e sostíbel, cunha base económica sólida, diversificada e competitiva e con emprego de calidade, cohesión social e calidade de vida, nun contorno ambiental e urbano de excelencia, vivo e preservado para o seu goce como Patrimonio Cultural da Humanidade".

A partir desta proposta central elaboráronse seis liñas prioritarias, subdividas á súa vez en distintos obxectivos que se concretan en máis de duascentas actuacións. A primeira das liñas aposta por diversificar a base económica da cidade, creando emprego de calidade, consolidando o tecido empresarial e atraendo novos investimentos. A segunda promove unha mellora da accesibilidade e da mobilidade, con novas infraestruturas e transportes que comuniquen a cidade coa rede europea e co sistema urbano galego-norteño. A terceira impulsar o atractivo da cidade e afondar na súa proxección internacional. A cuarta incide na consolidación, xunto coa formación, a investigación e a promoción cultural dun contorno innovador para facer de Santiago unha cidade do coñecemento. A quinta fala do aumento da calidade de vida, da cohesión social e do avance na calidade ambiental. Finalmente, a sexta liña avoga por reforzar as institucións interadministrativas, as iniciativas de goberno urbano supramunicipal e a modernización participativa.

Entre outras propostas, o Plan aposta por integrar a Cidade da Cultura cos accesos que sexan precisos e mediante espazos peonís, entre os que resultará fundamental a construción do parque de Brañas do Sar aos pés do Gaiás. Ademais, fala da creación dun Consorcio Metropolitano de Transportes da comarca de Santiago e de reforzar o papel do aeroporto de Lavacolla. Contempla tamén o pulo á actividade industrial e á captación de empresas, así como a consolidación de Santiago como cidade do coñecemento co apoio aos futuros centros de investigación en Medicina e en Ciencias e Tecnoloxías da Vida.

Compartir: