TURISMO

Os hoteis composteláns rexistraron en agosto trece mil pernoctacións máis que en 2003

07/09/2005 As estatísticas turísticas de agosto, presentadas polo concelleiro Francisco Candela, confirman as expectativas formuladas a principios de ano: os indicadores de actividade son claramente superiores aos de 2003, cun alto compoñente de turismo estranxeiro que contribúe ao crecemento e auxe do sector.

De acordo co concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela, os primeiros oito meses de 2005 confirman que ‘o turismo se afianza como o motor máis potente da economía urbana’, como demostran a continua apertura de empresas e a xeración de numerosos postos de traballo.

As previsións de crecemento non só se verifican nas altas medias de ocupación rexistradas nos aloxamentos, senón que se fan extensivas a todos os servizos turísticos, entre eles os de restauración, transporte e información.

En efecto, Candela sinalou que o 51,61% de media simple de ocupación hoteleira para os primeiros oito meses de 2003 superou lixeiramente á do mesmo período de 2003 (50,28%) malia a existencia de 600 novas prazas de aloxamento.

No que respecta á ocupación media hoteleira de agosto, os datos facilitados pola Asociación de Hostalería de Santiago a sitúan nun 81,6%, practicamente igual á acadada no mesmo mes de agosto en 2003 (83%).

Máis interesante resulta observar o crecemento do número de pernoctacións, que pasou das 71.554 noites efectivas de aloxamento rexistradas en agosto de 2003 ás 84.551 do pasado mes. Tendo en conta que existen case 600 novas prazas hoteleiras, a ganancia de 13 mil noites en agosto de 2005 corresponde a un 18% de aumento nas pernoctacións.

Alto compoñente de turismo internacional
Outro factor diferenciador do turismo compostelán é, neste ano, o permanente crecemento da cifra de visitantes estranxeiros, ao que sen dúbida contribúen a intensificación do tráfico internacional no aeroporto de Lavacolla e as campañas de promoción de Turismo de Santiago e outros entes no estranxeiro.

En efecto, as estatísticas de consultas atendidas nas oficinas municipais de información turística durante o mes de agosto indican que a presencia de consultantes estranxeiros incluso superou nun 2% ás formuladas en agosto do Ano Santo.

Entre as 17.482 consultas de visitantes foráneos destacan as de italianos (22,1%), franceses (16,4%), portugueses (14,3%), alemáns (8,8%), británicos (8,7%) e norteamericanos (3,4%). Os aumentos máis considerábeis respecto a 2004 corresponden a británicos (+77%) e brasileiros (+78%). En relación con 2003, os máis importantes incrementos atópanse nas cifras de turistas do Reino Unido (+116%), Brasil (+78%) e Italia (+68%).

En conxunto, as oficinas municipais recibiron en agosto 62.081 consultas presenciais, das cales un 71,4% foron de visitantes nacionais e un 28,6% de estranxeiros. Con respecto ao mesmo mes de 2003, aumentan as consultas un 25%, o que se reflicte tanto nas consultas de visitantes estranxeiros (+36%) como dos nacionais (+21%).

Por lugar de orixe dos nacionais, prevalecen as consultas de cataláns (19,6%), madrileños (15,9 %) e andaluces (13%). Destacan os repuntes de Cataluña (41% máis consultas que en agosto 2003), Andalucía (+42%), País Vasco e Canarias (+36%).

Pola súa parte, os informadores voluntarios coñecidos como ‘chaquetas vermellas’ atenderon en rúas e prazas 26.316 consultas no mes de agosto: 20.630 (un 78,4%) de visitantes españois e o resto, 5.685 (o 21,6%) de estranxeiros.

Aeroporto de Lavacolla e dársena de autobuses
Turismo de Santiago estimou para o aeroporto de Lavacolla un tráfico duns 195 mil pasaxeiros, cifra que representaría un crecemento do 20% sobre agosto do Ano Santo. O total acumulado desde xaneiro sería xa de 1.215.000 pasaxeiros, 150 mil máis que nos oito primeiros meses de 2004.

‘Isto permite dar xa por cumpridas as expectativas iniciais de Turismo de Santiago, estabelecidas a principios de ano en 1.7000.000 viaxeiros’, apuntou Candela, ‘e elevar esa cifra global a 1.800.pasaxeiros acumulados para finais de 2005. Deste xeito, Lavacolla confirma a súa contribución á consolidación da imaxe turística de Compostela, que se intensificará coa posta en marcha do novo plan de voos de baixo custo en outono’.

Compartir: