ALCALDÍA

O alcalde preside a primeira xuntanza do proxecto europeo de vivenda social URBACT

25/06/2008 O xoves 26 de xuño, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, dará inicio de maneira oficial ao programa do URBACT, no Centro de Estudos Avanzados da USC. Na xuntanza deste proxecto, que lidera Santiago, participarán expertos das cidades de Hamburgo, Nantes, Medway, Siemianowice Slaskie, Rennes e Albacete. Por parte da Secretaría europea do Programa URBACT asistirán Raffaele Barbato e a experta Heidrun Feigefeld.

Na reunión delimitaranse as liñas de acción e os principais obxectivos para os dous anos de execución do programa; definirase un calendario para o desenvolvemento da primeira fase; e seleccionaranse tres cidades máis para a segunda fase entre as candidatas Helsinki, Riga, Tallinn, Perugia, Milán, Bucarest, Barcelona, Newcastle, Cracovia e Atenas.

Outro dos obxectivos é que Santiago, como líder do proxecto, lles amose aos seus socios as prácticas e as políticas de vivenda que se desenvolven dende o Concello. Para elo, está previsto facer unha visita a Vite, como mostra das primeiras actuacións; e a zonas máis recentes no norte da cidade como Meixonfrío, e tamén no Sur como Santa Marta. Ademais haberá tamén unha explicación do proxecto de vivendas sociais en réxime de alugueiro desenvolvido en Belvís.

A cidade de Santiago foi escollida pola Unión Europea para liderar o proxecto SUITE The Housing Project "A vivenda: un factor para a inclusión social e urbana e para a calidade de vida nas cidades". A candidatura compostelá foi seleccionada entre máis de 60 e supón un recoñecemento a nivel internacional da xestión urbanística levada a cabo polo Concello, en especial nos últimos oito anos.

Compartir: