RELACIÓNS VECIÑAIS

O alcalde deu a coñecer ao Consello de Relacións Veciñais as novas da rede de transporte urbano

24/06/2008 O martes 24 de xuño celebrouse a sesión ordinaria do Consello de Relacións Veciñais, presidido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, coa asistencia dos representantes do mesmo. Logo de aprobar as actas das reunións anteriores, procedeuse a expoñer as novas sobre o transporte urbano, para o que o alcalde estivo auxiliado polo concelleiro de Transportes, Carlos Nieves, e polo xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera.

En primeiro lugar presentouse a actual rede de transporte urbano, analizando de maneira pormenorizada as principais relacións de mobilidade, de grande interese para a veciñanza en xeral. De seguido foron expostos e analizados os novos horarios de, destacando que non se producirá ningunha diminución das frecuencias ao longo deste período con respecto ás de 2007.

Os responsables do transporte urbano presentaron aos membros do Consello o actual cadro tarifario, insistindo na realidade do transbordo gratuíto e no esforzo que representa a conxelación de tarifas para este ano 2008. Na exposición destacouse o feito de que o transbordo entre autobuses urbanos é gratuíto e que iso permite aos cidadáns ir de un punto a outro da cidade aboando un único billete de viaxe.

A continuación amosáronse os cambios e melloras introducidos na páxina web da Empresa Municipal de Transportes, nos que na actualidade traballan os técnicos, e presentouse un proxecto para a mesma que previsiblemente será visible e funcional para todos os cidadáns nos vindeiros meses, coa finalidade de prestar un mellor servizo informativo aos usuarios.

Compartir: