PROMOCIÓN ECONÓMICA

O estudo urbanístico do polígono industrial do Tambre completarase coa información achegada polos empresarios

24/06/2008 O 25 de xuño, ás 20:00 horas, o Centro Empresarial, sede da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, acollerá unha reunión de empresarios co obxectivo de recoller a máxima información posible para completar o estudo realizado pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo sobre a adaptación do urbanismo da zona á normativa vixente nesta materia.

O Estudo técnico para a adaptación do Plan parcial urbanístico do Polígono do Tambre á normativa urbanística actualmente en vigor enmárcase na Rede de Cooperación Local (RCL). Posta en marcha no ano 2004 pola Concellaría de Promoción Económica, ten como obxectivo favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial de Compostela a través da colaboración entre o mundo empresarial, as institucións e a Universidade de Santiago. Cofinanciada pola Fundación Caixa Galicia, coa RCL colaboran, ademais, a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre e a USC.

Este estudo urbanístico complétase con outros dous sobre o tecido empresarial compostelá desenvolvidos tamén por Promoción Económica: o Estudo sobre o sector industrial, os procesos de produción e o uso das TICs por parte das empresas do Polígono Industrial do Tambre, e o Mapa Competencial e de perfís profesionais do Concello de Santiago e identificación das súas necesidades formativas. Os tres están enmarcados na RCL, e neles colaboraron a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia da Consellería de Innovación e Industria e a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre.

Os dous últimos estudos, presentados nunha xuntanza de traballo da Rede de Cooperación Local á que asistiron 123 persoas, ofrecen unha radiografía do tecido empresarial compostelá na que se inclúe unha completa cartografía, e unha diagnose da oferta formativa que existe actualmente e da que demandan as empresas. Entre as conclusións destes estudos, que se poden consultar na web de Promoción Económica, www.maiscompostela.org, destacar que a maior concentración industrial corresponde ás Industrias de papel e fabricación de artigos de papel; artes gráficas e edición. Representan o 24,50% do tecido industrial compostelá. A continuación sitúase a Fabricación de produtos metálicos (excepto máquinas e material de transporte), cun 19%.

En canto á formación, é necesario incrementar a oferta formativa en sectores con importante asentamento en Santiago, como Artes Gráficas, que non dispón de Ciclos Formativos de grao superior na comarca. Tamén cómpre analizar a viabilidade dunha nova oferta de ciclos formativos relacionados co Mecanizado e o Mantemento de Equipos Industriais que non existen no Concello para dar resposta a sectores como Madeira, Metal Mecánico, Construcións Metálicas, etc.

Compartir: