CULTURA

Xosé Manuel Rial Fernández gaña o primeiro premio do II Concurso de Fotografía LGBT Aturuxo

24/06/2008 Déronse a coñecer os premiados no II Concurso de Fotografía LGBT Aturuxo durante a inauguración da Mostra dos seleccionados no devandito concurso. O acto celebrouse no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil (Casa da Xuventude), na praza do Matadoiro.

Este concurso, que se celebra por segundo ano consecutivo, enmárcase dentro das distintas actividades que se están a celebrar na cidade con motivo do Día do orgullo LGBT e que están organizadas pola Concellaría de Cultura e a Dirección Xeral de Xuventude da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, coa colaboración de Aturuxo, entre outras asociacións.

O xurado reuniuse o 17 de xuño no Auditorio de Galicia e estivo formado por Silvia Diaz (escritora); Noa Tilve Cabada, en representación de Rubén Cela Díaz (director xeral de Xuventude e Solidariedade); Paulo Rodríguez Domínguez (director xerente do Auditorio), por delegación de Socorro García (concelleira de Cultura); Alfredo Saborido Pérez (secretario da Federación Galega de Asociacións LGBT); e Ignacio Iglesias (coordinador da rede de Centros Quérote). A secretaria do mesmo foi Lucía Vázquez Muñiz, coordinadora da convocatoria da Mostra.

Por unanimidade, o xurado decidiu concederlle o primeiro premio desta edición a Xosé Manuel Rial Fernández pola súa obra "Cando cres que mes ves". Rial recolleu o seu premio, 1.000 euros, de mans do director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela. Os dous segundos premios foron para Andrea Núñez Briones, coa obra "MA+MA", e Victoria García Muela coa obra "Duas". Ambos premios están dotados con 500 euros cada un. Por último, houbo dous accésit, dotados cada un con 200 euros, que foron para Emma Teixeira López, coa obra "Intimo, pero non oculto", e Rocío Basalo Nores, coa obra "Espiral".

En total, presentáronse 21 fotografías. Delas, 5 foron premiadas. Ademais, o xurado decidiu que estas cinco obras premiadas sexan reproducidas e expostas en mupis na cidade, xunto con outras catro obras: "R.e.b.e.c.a.t.o.m.", "O plástico e a vida", "Mírame" e "Texoiras". O obxectivo do concurso en 2008 era o de visibilizar as mulleres lésbicas, dentro do movemento LGBT e dentro da sociedade.

Compartir: