BENESTAR SOCIAL

O Concello únese a unha campaña de sensibilización social "Panos brancos contra a droga"

24/06/2008 A campaña "Panos brancos contra a droga" é un movemento social de rexeitamento ás drogas e ao narcotráfico. Promóveo a Fundación Galega contra o Narcotráfico e este 2008 sae por primeira vez do Salnés para recalar en Santiago de Compostela cunha serie de actos previstos para o xoves 26 de xuño, data en que se celebra o Día Internacional contra o uso indebido e o tráfico ilícito de drogas.

Os actos comezarán ás 11:00 horas na praza do Obradoiro, coa lectura dun manifesto xuvenil, elaborado polos centros educativos, e doutro da Fundación Galega contra o Narcotráfico. A continuación, marcha portando a bandeira branca contra a droga, que percorrerá diversas rúas da cidade histórica ata chegar á praza da Quintana, onde o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibirá a bandeira.

Tamén na Quintana celebrarase o I Torneo de Baloncesto "Canastras contra a Droga". Despois, rolda de prensa na que se analizará a situación actual do narcotráfico e o consumo de drogas en Galicia. Finalmente, realizarase un acto de clausura, con solta de globos brancos e entrega de trofeos aos gañadores e agasallos conmemorativos.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, fixo un chamamento á cidadanía para participar nestes actos e recordou o labor que a Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes vén realizando neste ámbito. Ademais, resaltou a importancia da sensibilización e da educación para frear o consumo de drogas nas idades máis temperás.

Neste aspecto incidiu o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, José Manuel Siso, que subliñou a importancia de "aprender a dicir non" ás drogas. Apuntou que a droga "está nos circuítos de ocio e de consumo social" e de aí a importancia de "loitar na fronte da demanda e da educación aos receptores da mensaxe e ás familias". Neste obxectivo e a propósito da actividade "Canastras contra a Droga", destacou o deporte como a principal actividade preventiva.

Sobre o panorama do narcotráfico na actualidade, Siso indicou que "hoxe é un negocio paralelo, controlado por mafias internacionais que contratan aquí aos transportistas, e o pago a estes faise en forma de parte da mercadoría que introducen". Sinalou que Galicia segue a ser a porta de entrada da droga en España e que estes transportistas son xente moza, entre 20 e 30 anos.

O presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, comentou tamén que a cocaína segue sendo a substancia de maior consumo, aínda que alertou sobre o repunte da heroína e, principalmente sobre o problema do policonsumo. A este fenómeno referiuse Mar Martín, do que dixo provoca "problemas psiquiátricos en moitos casos irreversibles". Así se ten constatado na UMAD, onde tamén se detectou o crecente impacto das drogas de deseño.

Compartir: