EDUCACIÓN

Trescentos rapaces participan cada día na edición de xuño da Escola de Verán

24/06/2008 A concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, visitou as Escolas Municipais de Verán de Pío XII, Fontiñas, Colexiata de Sar e Quiroga Palacios, con motivo da posta en marcha desta iniciativa. Estes espazos educativos e de lecer estarán abertos ata o 27 de xuño, e posteriormente do 1 ao 5 de setembro.

Con todas estas actividades preténdese, ademais de aproveitar estas datas de verán unha vez acabado o curso escolar, potenciar a sensibilidade artística dos rapaces e axudarlles a descubrir a cidade. Ademais, é unha boa maneira de rendibilizar os equipamentos escolares de Santiago. Así o apuntou a concelleira de Educación, para quen esta Escola "é unha oferta de ocio e tempo libre que axuda tamén a conciliar a vida familiar e laboral". Segundo dixo, "queremos que estes espazos sexan espazos lúdicos e de aprendizaxe, e tamén de socialización".

As familias teñen á súa disposición unha oferta para os máis pequenos pensada especialmente para eles e para estas datas. Participan nenos entre os 6 e os 12 anos. Os de cinco anos fano sempre que un irmán ou irmá asistan tamén. Ademais, o CEIP das Fontiñas ten un espazo adaptado para nenos de 3 a 5 anos. Preto de 300 rapaces están participando cada día nas actividades nos catro centros.

A Escola de Verán programou diversos obradoiros de educación ambiental, traballo con barro, divertidas clases de cociña e actividades de artes plásticas como a pintura ou o debuxo, entre outras. Esta oferta compleméntase con itinerarios pola cidade, con grandes xogos e actividades deportivas e con outros xogos populares e tradicionais.

As actividades son conducidas, entre as 9:30 e as 13:30 horas, por monitores do Centro Don Bosco, da Asociación Xuvenil da Cruz Vermella, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) e da Fundación Fesán.

Compartir: