CULTURA

Continúan os actos de homenaxe a Curros Enríquez

23/06/2008 Continúan na cidade as actividades que a Concellaría de Cultura organiza con motivo do 100 aniversario da morte de Curros Enríquez. Así, o martes 24 celébrase unha conferencia, que impartirá Pilar García Negro, e un concerto no Teatro Principal baixo o nome Na fronte unha estrela. Ambas actividades, ao igual que todas as desta homenaxe, son de entrada libre e de balde.

A conferencia de Pilar García Negro, baixo o nome A defensa da lingua galega en Curros Enríquez, será no CSC do Ensanche ás 20:00 horas e vén a sumarse a outra, xa celebrada, que deu Francisco Rodríguez sobre a vixencia de Curros na actualidade. Pola súa banda o concerto, baixo o nome de Na fronte unha estrela, e no que contaremos con María José Ladra, Antón de Santiago e Cítola, será no Teatro Principal ás 21:00 horas. A entrada é libre pero con convite que haberá que recoller no despacho de billetes do Teatro.

A isto hai que sumar a exposición que inaugurou o venres 20 no Paseo Central da Alameda a concelleira de Cultura: Manuel Curros Enríquez: nación, liberdade e progreso. Esta mostra, que se fai en colaboración coa concellería de Cultura da Coruña, permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 1 de xullo.

Compartir: