MEDIO AMBIENTE

Nova xuntanza do Consello Municipal do Medio Ambiente

23/06/2008 O martes 24, a concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel, Elvira Cienfuegos, presidirá unha nova reunión do Consello Municipal do Medio Ambiente. Será ás 20:00 horas. no salón circular do Auditorio e á mesma están convocados os seus membros, representantes de diferentes sectores cidadáns como: asociacións ecoloxistas, grupos de defensa dos animais, asociacións veciñais, asociacións de empresarios, expertos en temas medioambientais, da Universidade, organizacións políticas e sindicais,...

Esta vai ser a terceira vez que se reúna o Consello dende a súa constitución nesta mandato. O plano de traballo que se está a desenvolver neste meses inclúe o desenvolvemento da Axenda 21 Local. En decembro, na primeira xuntanza o tema central da reunión foi a presentación dunha síntese do diagnóstico da Axenda 21 Local, para que fose coñecido por todos os membros do Consello. Todas as persoas asistentes recibiron a documentación correspondente aos diagnósticos realizados, así como a proposta de liñas estratéxicas a seguir para deseñar o "plano de acción" que permita mellorar as prácticas ambientais e camiñar cara un desenvolvemento sustentábel do Concello.

Na segunda reunión, en febreiro, coa contribución dos membros do Consello analizáronse un conxunto de accións e proxectos para desenvolver e integrar neste "plano de acción", concretamente na chamada liña estratéxica 1, que fai referencia ao uso eficiente dos recursos naturais. Tamén nesta sesión deuse información sobre as principais accións realizadas ou en proxecto de execución da Concellaría do Medio Ambiente.

Agora nesta terceira reunión van se tratar as liñas 2 e 3 do "plano de acción" da Axenda 21, que son as que fan referencia a turismo, economía e mobilidade sustentábel. Ademais aproveitarase a reunión do Consello para volver dar información sobre as accións realizadas ou que se teñen proxectadas dende a Concellaría, mantendo así unha liña de comunicación directa cos axentes implicados na conservación do Medio Ambiente.

Compartir: