UMAD

A UMAD, convidada a participar nun programa europeo de saúde

23/06/2008 A Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD) foi convidada a participar no Programa de acción comunitaria no ámbito da saúde 2008-2013. Esta rede está coordinada pola rexión italiana de Veneto e integrada tamén polos municipios de Solna e Huddinge (Suecia), Letonia, a Deputación de Barcelona, Rumanía, Austria e Hungría.

A Xunta de Goberno deu conta da invitación a participar neste programa europeo, que pretende complementar e apoiar as políticas dos Estados membros, mediante a protección promoción da saúde e da seguridade humanas e a mellora da saúde pública. Isto inclúe a difusión de coñecementos sobre a saúde e a redución das desigualdades en materia de saúde. Ademais, todas as accións estarán encamiñadas a contribuír á prevención das enfermidades de alta prevalencia e a reducir su incidencia, así como a morbilidade e mortalidade resultantes.

Prácticas para estudantes
Por outra parte, o Goberno local tamén deu conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación Española de Estudios Sociales y Sanitarios, para a realización de prácticas de estudantes que participan no "Master/Experto en dependencia e xestión de Servizos Sociais". Este acordo permitirá aos estudantes realizar un período de 150 horas de prácticas na área de Benestar Social.

Emigración
Tamén no ámbito desta Concellaría, informouse da resolución da Secretaría Xeral de Emigración pola que se concede dúas subvencións destinadas a favorecer os procesos de acollida da poboación retornada e inmigrante por importe de 6.000 euros (para aloxamento e manutención) e 5.000 euros (para ensinanza da lingua galega e castelán).

Compartir: