ORZAMENTOS

O Goberno local aproba un orzamento de 114 millóns de euros

20/06/2008 O concelleiro de Facenda, Andrés Fariña, presentou as principais características dos orzamentos municipais de 2008, tras a Xunta de Goberno extraordinaria na que quedaron aprobados. O orzamento prevé uns ingresos de 114.527.021 euros e uns gastos 114.196.267 euros, cun superávit inicial de 330.753 euros.

Fariña definiu estes orzamentos como "de transición cara a modernización na xestión orzamentaria". Referiuse ás circunstancias especiais no ámbito económico que determinaron a súa elaboración e á necesidade de incluír a última hora partidas como as da Iniciativa Urbana, recentemente asignada a Santiago. Ademais, resaltou unha vez máis que o Concello ten unhas contas saneadas, que quedarán con saldo negativo cero neste exercicio, no que se eliminará o déficit de 330.753 euros pendentes.

Segundo indicou, na comparación interanual o orzamento municipal non experimenta aumento, xa que non se produce variación na presión fiscal do Concello. Así, mantéñense os mesmos parámetros de presión fiscal que o ano 2007 e neste eido a previsión de ingresos non fai posible maior recadación. Isto fai que o esforzo fiscal por habitante sexa de 750 euros.

Sobre as principais características do orzamento, Fariña subliñou que a capacidade de endebedamento 6.340.000 euros destinarase a financiar parte do programa de investimentos, por un total de 25.059.200 euros, o que supón o 22% do orzamento. Neste capítulo destacan investimentos como os destinados a EMUVISSA para urbanizacións de polígonos de vivendas (11,7 millóns de euros), o Plan de Acción Municipal (5,5 millóns de euros), Cidade Histórica (1,1 millóns de euros) ou Centros Socioculturais (800.000 euros), entre outros.

Posto que non se eleva a presión fiscal sobre os cidadáns, as alzas nas previsións de ingresos dependen da evolución positiva do volume de actuación –cando se trata de recursos de xeración autónoma- e dos compromisos de expansión das transferencias a corporacións locais tanto por parte da administración do Estado como da autonómica.

Mellora dos servizos públicos e sociais
Estes orzamentos, apuntou Fariña, apostan pola mellora dos servizos públicos e de atención aos cidadáns, procurando o equilibrio social e territorial. A distribución dos gastos por funcións indica o peso dos bens públicos sociais (un 35,85%), e da protección e promoción social, un 8,90%.

Neste exercicio tamén se produce a consolidación da produción de bens públicos de carácter económico, establecendo un porcentaxe de 18.65% do orzamento polo peso dos investimentos.

Entre os gastos de carácter obrigatorio que o Concello presta, presenta unha mellora moi notable neste exercicio o servizo de mantemento e reposición do alumeado público, ao que van destinados 2.495.02 euros; limpeza viaria e lixo, 10.352.800 euros; ou parques e xardíns, 4.589.491 euros. En educación, o Concello intégrase na rede de Galescolas cun compromiso de gasto de 99.000 euros para a escola de San Roque, e asume os contratos de adxudicación da explotación das escolas municipais de Fontiñas e Conxo por case 500.000 euros.

A ampliación das partidas destinadas a conserxes e animadores para centros educativos e socioculturais permitirá mellorar as condicións en que se prestan eses servizos en dous ámbitos de grande relevo social. Tamén se regulariza a contratación dos conserxes dos colexios de primaria cun contrato de 1.030.000 euros.

Transportes e infraestruturas
Igualmente mellorarase o servizo de transporte urbano de viaxeiros. Este orzamento conten un crédito de 3.177.330 para atender este concepto. As infraestruturas absorben máis de 18 millóns de euros. Continuarán os esforzos dirixidos á urbanizacións de barrios e ao rural por 2.000.000 euros.

Recóllense 1.400.000 euros destinados ao convenio coa Consellería de Política Territorial para mellora das travesías da cidade. Finalmente, para o convenio coa Consellería de Medio Ambiente destínanse 900.000, co obxecto de seguir mellorando a rede de saneamento de núcleos rurais.

Persoal
Xunto co concelleiro de Facenda e Orzamentos compareceu a concelleira de Persoal, Rosa Fernández Somoza, que explicou o cadro de persoal recollido nos orzamentos. En concreto, recóllese a reposición de 21 efectivos, dos que 13 permanecen nas mesmas condicións que ata agora e 8 son de nova creación.

Unha das principais novidades é a reserva orzamentaria para a posible creación de seis direccións de áreas, que se irán cubrindo segundo as necesidades. Na actualidade existen dúas direccións de áreas, unha cuberta na área de Urbanismo e outra sen cubrir na de Mobilidade. Estas seis prazas estaban contempladas no acordo de lexislatura entre as dúas formacións do Goberno municipal. Tamén nese acordo están as seis prazas de asesores, das que actualmente se atopa cuberta unha.

Documentos relacionados



Compartir: