ALCALDÍA

O alcalde únese á esixencia do comezo inmediato das obras do AVE en Serrabal

20/06/2008 O alcalde compostelán uniuse á esixencia manifestada polo presidente da Xunta do comezo inmediato das obras do AVE nos terreos da mina de Serrabal. "As obras teñen que comezar xa e espero que a ocupación dos terreos se faga dun modo inmediato e pacífico", indicou Sánchez Bugallo.

Na súa rolda de resumo da actualidade semanal, o rexedor municipal subliñou respecto a este tema que "o Estado de dereito esixe que a lei se impoña". Ademais, tivo palabras duras para o empresario Villar Mir, do que dixo "defende unicamente o seu patrimonio e a súa empresa". Felicitouse de que "afortunadamente, non teña ampliada a concesión da mina" e lamentou a súa pretensión de que "o Estado lle compre algo que é en realidade propiedade de todos os galegos".

Sobre outra infraestrutura, neste caso viaria, valorou a decisión da Xunta de autorizar unha entrada distinta da inicialmente prevista da futura autovía á Estrada na cidade, dotándoa de tres carrís. Deste xeito, os veciños do Eixo reciben resposta á súa preocupación por que o tráfico procedente desta vía de alta capacidade se puidese concentrar na N-525. Esta autovía estará conectada coa AP-9.

Amio e Salgueiriños
O alcalde tamén se referiu ao mercado de Amio, para reiterar que "por sentido común, responsabilidade e coherencia, estamos dispostos a aceptar a decisión da Xunta neste tema, ben sexa a de levar o mercado a Silleda como a de aceptar a ubicación que ofrezamos dentro Santiago". Neste sentido, afirmou que "esta segunda solución satisfaríamos máis" e recordou o compromiso adquirido cos gandeiros de propor esa alternativa.

Finalmente, ao respecto do mercado de Salgueiriños, que esta semana trasladou o seu emprazamento, apuntou que os vendedores cos que falou o xoves 19 le manifestaron a súa satisfacción por un recinto "que con máis capacidade e mais posibilidades". Ademais felicitou ao concelleiro de Mercados, Carlos Nieves, aos traballadores deste departamento e á Policía Local polo labor realizado para o traslado, "máis aló de problemas puntuais coa ubicación dos distintos postos".

Compartir: