MERCADOS

As rúas do casco histórico albergarán un mercado medieval do 3 ao 6 de xullo

20/06/2008 O concelleiro de Mercados, Carlos Nieves, presentou as actividades do Mercado Medieval que acollerán as rúas do casco histórico entre o 3 e o 6 de xullo. Os composteláns e os visitantes atoparanse cunha recreación da vida da época, con ambientación, traxes, posta en escena e diversas actividades.

Segundo explicou Nieves, a intención do Concello é darlle estabilidade a este mercado medieval e nestas datas de xullo. Nesta ocasión, os distintos postos distribuiranse por: praza da Cervantes, Azabachería, praza da Inmaculada, praza da Quintana, Troia, fonte de San Miguel e praza de San Miguel.

O poboado medieval recreado nas rúas compostelás contará cun zoco e con paradas de época nas que os artesáns amosarán os seus produtos e a forma de vida do Medievo. Tamén haberá diversos talleres de exhibición sobre as distintas profesións e unha zona infantil, con actividades adaptadas ás diferentes idades. Todo isto completarase con actuacións: pasarrúas, espectáculos de noite, xogos de bandeiras, danzas do ventre, etc.

Compartir: