ALCALDÍA

O alcalde exponlle aos colexios profesionais a participación de Santiago en Xangai

19/06/2008 Dentro das reunións informativas que ven mantendo con diferentes colectivos da cidade, o rexedor compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, conversou en Raxoi con representantes dos colexios profesionais de avogados, biólogos, topógrafos, xornalistas e enxeñeiros industriais, co obxectivo de explicarlles os pormenores da participación de Santiago na Exposición Universal de Xangai 2010.

Acompañado polo xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, o alcalde explicoulles a candidatura presentada por Santiago, un proxecto situado no ámbito da Área de Boas Prácticas Urbanas, dentro do apartado "Protección e uso do patrimonio histórico", que fai referencia ao proxecto de cidade que se está a desenvolver desde os inicios da década dos anos noventa, así como á continuidade deste proxecto de cara ao futuro, recollido na revisión do Plan Xeral.

A proposta inclúe, ademais do stand, a realización dun espazo público exterior que consiste nunha pequena praza de granito de grande valor simbólico, que pretende ser unha evocación para a cooperación entre as cidades, e que foi moi valorada polo Comité Internacional de selección de Xangai. O pavillón compostelán instalarase nunha vella nave industrial rehabilitada.

A nosa cidade foi seleccionada entre 30 candidaturas de cidades de todo o mundo por un comité integrado por altos representantes do Goberno da República Popular China, a UNESCO e o Banco Mundial, entre outros organismos internacionais, e presidido pola Directora Executiva de UN-Habitat e o Secretario Xeral da BIE (Buró Internacional de Exposiciones).

A coincidencia da Exposición de Xangai 2010 coa celebración do Ano Santo no mesmo ano permitirá amplificar a proxección universal da capital de Galicia, neste foro que contará cunha asistencia estimada en 70 millóns de persoas.

Compartir: