CULTURA

Entra en vigor o Regulamento do Consello Compostela Cultura coa súa publicación no BOP

19/06/2008 O xoves 19 de xuño sae publicado no BOP o Regulamento do Consello de Compostela Cultura, un texto que xa foi aprobado o 29 de maio no Pleno do Concello de Santiago. Dous días antes a Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais reunírase con representantes do tecido asociativo do mundo cultural compostelán no Auditorio de Galicia para informar sobre as alegacións formuladas na fase de exposición pública do Regulamento do Consello de Compostela Cultura.

O proceso participativo de formación do Consello Compostela Cultura culmina así coa súa publicación no Boletín Oficial da Provincia tras a finalización do prazo de alegacións e suxestións ao mesmo. Este prazo fixo parte dunha segunda fase de participación cidadán, xa que houbo unha primeira de contacto directo e diálogo co mundo cultural compostelán para recoller de primeira man múltiples e variadas suxestións.

Tamén en anteriores meses a Concellaría de Cultura, co obxecto de facilitar a participación dos axentes culturais no proceso constituínte do Consello de Compostela Cultura, habilitara un espazo no web www.compostelacultura.org para, coa colaboración de todas as asociacións interesadas, formar un censo de entidades electoras e elixíbeis. Todos os axentes culturais e asociacións puideron actualizar os seus datos rexistrais e validar o sector que se lles atribuíu para ter a condición de elector e elixible.

Aqueles axentes culturais que por erro, omisión ou recente constitución non figuren nesta primeira relación censual e desexen participar como electores e elixibles neste proceso constituínte terán que solicitar a súa inscrición unha vez que se abra o prazo para a formación do censo definitivo e, no caso das asociacións, proceder tamén á súa inscrición no correspondente rexistro municipal.

Compartir: