EDUCACIÓN

Cen mil euros para mellorar os colexios Monte dos Postes e Fontiñas

19/06/2008 O delegado provincial da Consellería de Educación, José Manuel Mouriz, visitou xunto coa concelleira de Educación, Guadalupe Rodríguez, o CEIP Monte dos Postes e o CEIP Fontiñas. O departamento autonómico investirá 100.000 euros en obras a realizar nestes tres centros durante o verán.

José Manuel Mouriz e Guadalupe Rodríguez puideron comprobar de primeira man algunhas das necesidades destes centros, que serán emendadas coas obras previstas para o verán e que veñen a completar outras que realizará a propia Concellaría de Educación tamén durante o período de vacacións. Tamén se realizarán diversas obras noutros centros da cidade, para que estean listos ao comezo do curso escolar 2008-2009.

No caso do Monte dos Postes, as obras serán: acondicionamento dun baño nunha aula de educación infantil, substitución de carpinterías metálicas en diferentes aulas, cubrición dun patio interior e acondicionamento de beirarrúas interiores. No CEIP Fontiñas as obras consistirán na instalación de canlóns no centro de infantil, na
impermeabilización da fachada norte no centro de primaria e na instalación de canlóns e baixantes tamén no centro de primaria. Na fachada sur xa está a realizar obras o propio Concello.

Ademais de analizar as obras a acometer en canto remate o curso escolar, os directores dos dous centros formuláronlle ao delegado de Educación diversas propostas para outras intervencións no futuro, fundamentalmente relacionadas coa necesidade de dispor de máis espazo para o servizo de comedor, cada vez máis demandado polos pais.

Acompañaron ao delegado e á concelleira na visita o xefe da Unidade Técnica da Delegación, Luis Suárez; o inspector de Educación Emilio Labandeira e o xefe do Servizo de Educación do Concello, Xosé M. Rodríguez. Estiveron con eles os directores dos dous centros, Manuel Brenlla e Santiago Conde.

Compartir: