CONSORCIO

O alcalde entrega libros aos rapaces do Hospital Clínico

18/06/2008 Como parte do traballo de Literapia, o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, achegouse ao Hospital Clínico para compartir cos nenos e nenas ingresados neste centro un rato de lecer e de boa lectura. Xunto a el, algúns dos membros de Literapia fixeron entrega de libros infantís e xuvenís publicados polo Consorcio de Santiago.

O Consorcio entregou xa exemplares dos oito volumes que conforman a súa colección infantil e xuvenil á Biblioteca do Hospital Clínico de La Rosaleda e á Escola Infantil "Camilo José Cela" do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Esta vez tocoulle o turno á biblioteca da escola infantil do Hospital Clínico e aos doentes máis novos.

Literapia é un proxecto desenvolvido por médicos, filólogos, psicólogos, profesores e escritores que propón o uso da lectura e da escritura en doentes hospitalizados para axudar no proceso de curación das súas enfermidades. O Grupo Literapia aposta pola lectura terapéutica orientada a animar aos doentes e mellorar o seu estado anímico. O seu traballo está promovido pola Fundación La Rosaleda e patrocinado por Caixanova.

Compartir: