CULTURA

Un novo programa saca a danza á rúa

18/06/2008 Entre o 20 e o 22 de xuño vaise desenvolver polas rúas de Compostela a mostra Entredanzas, que nesta primeira edición vai ter como país convidado Portugal. A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou a programación deste evento.

Durante tres días, 13 compañías, seis galegas e sete portuguesas, representarán por diferentes espazos da cidade espectáculos de danza. Dende a Praza Roxa até o cemiterio de Bonaval, pasando pola Alameda, a Porta Faxeira, as prazas da Quintana e das Pratarías, a Zona "C" ou o Parque da Música, Compostela converterase nunha gran mostra de danza contemporánea.

Segundo explicou a concelleira, Entredanzas nace coma "un diálogo cultural entre os dous países", Galicia e o convidado deste ano, Portugal, escollido "pola súa proximidade cultural e xeográfica, nun momento de investigación e desenvolvemento da danza contemporánea similar".

O programa pretende "promover unha actuación cultural na que os composteláns se recoñezan e entren en contacto coa diversidade de pobos do mundo, cun diálogo universal en pé de igualdade entre Galicia e o resto do mundo". A mostra ten vocación de continuidade. Segundo anunciou Socorro García, desenvolverase cada dous anos. A próxima edición xa se está a preparar, e terá, en principio, como país convidado, a Bélxica.

A idea é "que a cultura estea ao servizo da cidadanía", explicou a concelleira, "unha cultura diversa e aberta", para compensar o impacto da globalización, que pon en perigo a diversidade cultural. Socorro García comparou a mostra Entredanzas con Sons da diversidade, aínda que aplicada ao mundo da danza.

Documentos relacionados



Compartir: