MERCADOS

O Concello proporá un emprazamento alternativo para o mercado de gando

18/06/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, comunicoulle aos representantes das principais asociacións empresariais da cidade que o Concello vai propor un emprazamento alternativo para o mercado de gando, que actualmente se desenvolve en Amio. O obxectivo é que este espazo se dedique exclusivamente a recinto feiral e de exposicións, de acordo ás demandas reais da cidade.

Despois da súa reunión cos representantes empresariais, Sánchez Bugallo explicou que "o Concello é consciente desta necesidade dende hai tempo", polo que vai propor unha alternativa en Santiago para o mercado do gando "nunha zona rústica e con axeitadas conexións coas vías de alta capacidade. Esta proposta seralle remitida ás asociacións de gandeiros e á Xunta, a administración á que lle corresponderá tomar unha decisión sobre este extremo, apuntou.

Os obxectivos, segundo o alcalde, son dous a partir de agora: "compatibilizar ata onde poidamos o uso feiral e o gandeiro nos dous próximos anos e dar o paso de presentar un emprazamento alternativo". Así, lembrou que en outubro quedará perfilado o calendario para 2009, nos que se incluirían eventos que poderían obrigar a cambiar algunhas datas do mercado gandeiro. A compatibilidade tamén se buscará no 2010, aínda que recoñeceu que nese ano "será aínda máis difícil compatibilizar os dous usos".

En calquera caso, Sánchez Bugallo reiterou que o Concello "ten territorio e capacidade para encaixar un novo mercado gandeiro no termo municipal", pero que "estamos abertos a todas as hipóteses". Así, non descartou a posibilidade de que o mercado de gando de referencia da Comunidade Autónoma se puidese trasladar a Silleda, "pero esta é unha decisión que afecta ao conxunto de Galicia". No caso de que a Xunta tomase esa decisión de trasladar o mercado a Silleda "comprenderiámolo e non o veriamos mal en absoluto", subliñou.

O Concello terá lista a súa proposta antes de rematar o 2008, coa vista posta en que "nun prazo razoable de 4 anos" puidera estar operativo o novo recinto, no caso de que a Xunta optase por esta alternativa. Tampouco descartou o alcalde a ampliación de Amio: "É posible que haxa que ampliar Amio, pero é difícil que os dous usos, o gandeiro e o feiral, sexan compatibles".

Rendible dende a propia cidade
Pola súa parte, o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, indicou que "Santiago necesita un recinto feiral para o seu despegue económico e feiral" e que se "debe buscar unha alternativa para o gando". Ademais, recalcou que "non estamos pedindo á Administración outro recinto feiral, como se fixo noutras cidades, senón que dende a propia cidade queremos facer rendible o que temos".

Asorey lamentou que "esteamos perdendo eventos porque non é posible facelos" e indicou que "polo propio desenvolvemento da cidade, cun polígono de vivendas previsto no ámbito do actual mercado, non é posible manter o uso gandeiro onde está".

O presidente da Cámara de Comercio, quen solicitara esta xuntanza, estivo acompañado, entre outros, polo presidente de Acotés, José Oreiro; polos presidentes da Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago de Compostela e Comarca (Restauración e Hospedaxe), Jesús Sordo e José Antonio Liñares; ou polo presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, Xesús Chenel.

Compartir: