EDUCACIÓN

O CEIP Cardeal Quiroga Palacios adáptase ás necesidades educativas actuais

17/06/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo e a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, fixeron un percorrido polas instalacións do Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Cardeal Quiroga Palacios. O centro será remodelado completamente para optimizar os seus espazos e recursos, e así adaptarse ás necesidades educativas e formativas actuais.

O obxectivo do proxecto é unha remodelación completa do centro, que permitirá conectar as áreas que no seu momento quedaran separadas pola división entre nenos e nenas, segundo explicou o arquitecto, Xesús Álvarez. As obras posibilitarán tamén modernizar e ampliar o servizo de comedor, adaptándoo á demanda actual.

O alcalde compostelán recordou que "este era un centro necesitado dunha remodelación, construído hai 40 anos; daquela probablemente foi dos mellores centros construídos, con dotacións non habituais naquela época". Sobre o futuro, falou do "incremento significativo na demanda de matrícula" e da previsión de que "se manteña e se amplíe en anos sucesivos". Por isto, dixo, "fainos falta un centro con capacidade para 400 alumnos".

A esa posibilidade de acoller máis alumnos se referiu a conselleira de Educación, sinalando que o CEIP dará resposta ás necesidades de escolarización da zona. "Este centro vai a estar con moitos alumnos e con moi boas instalacións e con todo o equipo de profesorado necesario. Esta é unha zona de importante crecemento e necesita un centro que poida acoller a todas as persoas que viven aquí e que tamén sexa atractivo para outros do entorno", indicou.

Na actualidade, o CEIP Cardeal Quiroga Palacios conta cun total de 186 alumnos, 75 de infantil e 111 de primaria e desenvolve o programa de anticipación da lingua estranxeira dende os 3 anos.

Listo a comezos do curso 2009/2010
Esta actuación licitarase en breve, polo que as obras comezarán o curso 2008/09 co obxectivo de que estean finalizadas a comezos do curso 2009/2010. A obra realizarase en dúas fases, executando o groso das obras durante o verán de 2009, coa remodelación de espazos exteriores, fachada e tellado. Así, Laura Sánchez Piñón agradeceu a colaboración de toda a comunidade educativa e do Concello de Santiago destacando que o futuro centro será "froito do traballo conxunto".

O CEIP Cardeal Quiroga Palacios converterase nun edificio multifuncional e nun centro dinamizador da vida social da zona, abríndose á comunidade educativa e tamén á colaboración das familias e do propio Concello. Ao mesmo tempo, o Quiroga Palacios será un centro renovado en liña cos obxectivos marcados pola Lei Orgánica de Educación.

Compartir: