XUNTA DE GOBERNO

Novas obras na Casa das Asociacións Veciñais e na Ludoteca

16/06/2008 O Goberno local adxudicou novas obras na Casa das Asociacións Veciñais e na Ludoteca municipal. Trátase de acometer os respectivos proxectos modificados, necesarios para rematar as dúas instalacións.

No caso da rehabilitación e ampliación da antiga estación de Cornes para a Casa das Asociacións, aprobouse o proxecto modificado, que supón un incremento de 119.921 euros con respecto ao proxecto primitivo, que no seu día fora adxudicado por 621.915 euros (382.000 achegados pola Deputación da Coruña). Ademais, adxudicáronse as obras á empresa orixinaria, Extraco, por un importe de 98.527 euros. O prazo para a finalización das obras será de catro meses a contar desde a data de formalización do novo contrato administrativo.

As obras inclúen un oco na lousa de formigón para as instalacións de gas natural, un pozo de formigón para a conexión coa rede municipal de augas pluviais, unha cornisa de formigón, melloras na ventá de aceiro e vidro e na instalación eléctrica, entre outras actuacións.

Tamén se aprobou o proxecto modificado das obras da Ludoteca, no polígono de Fontiñas, que implica un incremento de 137.367 euros sobre o proxecto inicial. As obras adxudícanse á empresa orixinaria, Extraco, por un importe, aplicada a baixa ofertada na licitación inicial, de 123.355 euros. O prazo estimado para a execución das obras é de catro meses.

Obras
A Xunta de Goberno adxudicou diversas obras incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS) 2008 da Deputación da Coruña. Son as seguintes: nova capa de rodadura na rúa do Tambre (99.687 euros); pavimentación do núcleo de Silvouta e acceso (122.749 euros); reforzo do firme na vía pública R-3-V entre Mercagalicia e A Gracia (87.396 euros); nova capa de rodadura en Rebordaos- Son de Abaixo (82.065 euros); reforzo do firme na vía pública M-54-V entre Carballal e Codesedas ( 75.420 euros); reforzo do firme na vía pública camiño dos Vilares - rúa do Tambre (65.903 euros).

Ademais, aprobouse o proxecto e iniciouse a contratación para as obras de reposición e reparación do pavimento na beirarrúa da rotonda do Restollal. Trátase da rotonda que dá acceso aos distintos grupos de vivendas e ao centro comercial. O tipo de licitación quedou fixado en 57.375 euros.

Revisións de prezos
A Xunta de Goberno acordou tamén revisións de prezos en diversos contratos conforme á variación do IPC: dous lotes de material de oficina consumible para o Concello ( 90.000 e 25.000 euros/ano; xestión do servizo de iluminación pública 871.041 euros/ano); servizo de conservación e mantemento do parque de Brandía (474 euros/ano; e servizo de vixilancia e seguridade das instalacións da UMAD (40.428 euros/ano).

Compartir: