ALCALDÍA

O alcalde reitera o compromiso de construír un campo de herba artificial en Villestro

14/06/2008 O alcalde compostelán inaugurou a exposición sobre os 25 anos da SD Villestro. No acto, celebrado no Centro Sociocultural de Villestro, Sánchez Bugallo aproveitou para reiterarlles aos veciños da parroquia o compromiso do Concello de construír un campo de herba artificial.

Esta exposición forma parte do programa de actos cos que a SD Villestro celebra o seu 25º aniversario. Inclúe imaxes e documentos antigos, as instantáneas máis recentes e obxectos curiosos. A mostra permanecerá tres meses no CSC de Villestro e a entrada será de balde. Completarase con outra exposición organizada pola Fundación Compostela Deporte sobre o fútbol compostelán.

A conmemoración tamén comprende a edición do libro "SD Villestro. 25 anos de historia, 80 de tradición". Recolle documentos importantes na fundación do club, diarios antigos, fotografías que amosan a evolución da entidade ao longo da súa historia, os éxitos acadados, os xogadores máis destacados que saíron do club e imaxes antigas de veciños da parroquia nos partidos.

Ademais, na tarde do sábado 14, o campo de fútbol da Barrosa foi escenario de varios partidos. O primeiro enfrontou ao equipo oficial da SD Villestro no ano 1983 (o da súa fundación) co actual conxunto de veteranos SD Villestro-Veteranos. Despois,o actual equipo da SD Villestro xogou contra unha selección de xogadores que militaron nas súas filas.

As actividades previstas polo club para a celebración do seu 25º aniversario prolongaranse ata o mes de decembro. En xullo haberá unha ruta a pé na que se realizará un campionato de rastreo (día 29), campionatos de mountain bike e carreiras pedestres (día 30) e diversos xogos tradicionais no Centro Sociocultural de Villestro e a emisión dunha película ao aire libre (día 31).

Durante seis meses
O club tamén está a traballar na organización doutras actividades como obradoiros de manualidades, teatro, títeres, etc. Para os meses de agosto e setembro está prevista a realización de varios encontros amigables no campo da Barrosa, para os que se espera que a SD Villestro poda xogar ante equipos de renome dentro do fútbol galego.

O día 21 de novembro está programado un clinic para as categorías de fútbol sala da SD Villestro, no que a organización ten prevista a asistencia dalgún xogador do Autos Lobelle de Santiago, tanto para impartir o clinic como para responder ás preguntas formuladas polos máis pequenos e o seus pais sobre o fútbol sala profesional.

Por último, para pechar os actos de celebración do seu 25º aniversario, a SD Villestro ten prevista a realización dunha Gala na que compartirán mesa os xogadores da SD Villestro, os seus familiares e as autoridades, ao tempo que poderán contemplar imaxes das distintas épocas do club a través dunha gran pantalla. Ao remate da Gala entregaranse condecoracións a aquelas persoas que foron fundamentais na historia do club. E sortearanse regalos para os máis cativos e para os familiares.

Compartir: