CULTURA

Preséntase o calendario de constitución do Consello Compostela Cultura

13/06/2008 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, reunirase o luns 16 de xuño, ás 20:00 horas, no Auditorio de Galicia, con representantes do tecido asociativo do mundo cultural compostelán. Na xuntanza informará sobre as alegacións formuladas na fase de exposición pública do Regulamento do Consello de Compostela Cultura, un texto que xa foi aprobado no 29 de maio no Pleno do Concello de Santiago.

García Conde aproveitará para ter un contacto directo cos diferentes axentes culturais e alén de informar das alegacións exporá a proposta de calendario para a constitución do Consello. A concelleira transmitirá ás asociacións a súa disposición para manter os compromisos adquiridos polo seu predecesor á fronte do departamento, Néstor Rego, na liña de promover a creación do Consello de Compostela Cultura como resultado dun proceso participativo, de diálogo, cooperación e consenso entre tódolos axentes culturais.

Un modelo participativo de Consello
O proceso participativo de formación do Consello Compostela Cultura culmina así coa finalización do prazo de alegacións e suxestións ao regulamento do mesmo. Este prazo fixo parte dunha segunda fase de participación cidadá, xa que houbo unha primeira de contacto directo e diálogo con o mundo cultural compostelán para recoller de primeira man múltiples e variadas suxestións. Á exposición pública do regulamento pódese acceder desde www.compostelacultura.org.

Tamén en pasados meses, a Concellaría de Cultura, co obxecto de facilitar a participación dos axentes culturais no proceso constituínte do Consello de Compostela Cultura, habilitou un espazo no web www.compostelacultura.org para, coa colaboración de todas as asociacións interesadas, formar un censo de entidades electoras e elixíbeis. Todos os axentes culturais e asociacións puideron actualizar os seus datos rexistrais e validar o sector que se lles atribuíu para ter a condición de elector e elixíbel.

Aqueles axentes culturais que por erro, omisión ou recente constitución non figuren nesta primeira relación censual e desexen participar como electores e elixibles neste proceso constituínte terán que solicitar a súa inscrición unha vez que se abra o prazo para a formación do censo definitivo e, no caso das asociacións, proceder tamén á súa inscrición no correspondente rexistro municipal.

Compartir: