TURISMO

Dúas semanas para participar no Concurso de Curtas de "Curtocircuíto"

13/06/2008 O venres 27 de xuño é a data límite para inscribir curtametraxes no Concurso Internacional de Curtametraxes de Curtocircuíto, unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e da Concellaría de Cultura.

Xa son 1.421 as curtas inscritas dende que se abriu o prazo o 14 de abril. Un comité de preselección seleccionará máis dun centenar de filmes que serán proxectadas durante a Semana Oficial do Festival, entre o 17 e o 24 de outubro.

Catro xurados, compostos por profesionais internacionais da curtametraxe, seleccionarán os gañadores dos oito premios, que se outorgarán na Cerimonia de Clausura que pechará a V edición de Curtocircuíto o 24 de outubro.

A axenda de actividades do Festival tamén inclúe as proxeccións ao aire libre Curtocircuíto na Rúa durante os meses de verán e o III Mercado Internacional de Curtametraxes entre o 20 e o 24 de outubro.

Os curtometraxistas que non se inscriban no concurso teñen ata o 24 de xullo para rexistrar a súa curta e formar parte do catálogo do III Mercado de Curtocircuíto que estará á disposición dos profesionais asistentes.

Todas aquelas persoas interesadas poden participar no Concurso Internacional de Curtas e no III Mercado Internacional inscribíndose a través de www.shortfilmdepot.com. Toda a información sobre Curtocircuíto atópase no seu sitio web: www.curtocircuito.org

Compartir: