MOCIDADE

Comeza o certame "Músicaxove’08"

12/06/2008 O I Certame Músicaxove’08, organizado pola Concellaría de Mocidade, comeza o venres, 13 de xuño, coa actuación dos catro grupos na modalidade de metal: Deserve, The Weak Force, Codename e Thinking Twice, todos procedentes de Santiago. As actuacións comezarán as 22:00 horas, pero as portas da Sala Capitol abriranse media hora antes para que os interesados poidan recoller a súa entrada en taquilla. A asistencia é de carácter gratuíto ata esgotar as localidades.

O xurado, formado por un grupo de sete profesionais da música de Compostela (o músico Xaime Barreiro, un técnico do Departamento de Mocidade, un responsable da Sala Capitol, o locutor de radio Gabi Davila, Fran do local musical A Reixa, o músico Carlos Arévalo e un membro da Escola Municipal de Música) tomará boa nota de cada actuación para ofrecer a correspondente deliberación ao finalizar a noite.

Os catro grupos de metal, ao igual que o resto de participantes no certame, deberán interpretar en directo dous temas de xeito obrigatorio e terán a oportunidade de tocar un terceiro tema libre. Os tres primeiros clasificados recibirán premios en metálico: 2.000, 1.000 e 500 euros, respectivamente. Ademais desta compensación económica polo esforzo realizado e o traballo ben feito, dende a Concellaría preparan a gravación dun CD para os gañadores de cada modalidade musical: ademais de metal, hip hop, pop-rock e autor-folk que actuarán os días 20 e 27 de xuño. Do mesmo xeito, recibirán o apoio municipal a través de diferentes actividades promocionais por toda Galicia, incluído un gran concerto o xoves, 31 de xullo, dentro das actividades das Festas do Apóstolo.

Durante a xornada musical do venres 13, a Concellaría sorteará entradas para asistir o día 5 de xullo ao festival Rock in Río de Madrid. Esta entrada, de carácter dobre, inclúese dentro dunha viaxe organizada, na que os menores de idade premiados deberán ir acompañados por un adulto. Entre a variedade de actuacións, o afortunado gañador e o seu acompañante poderán gozar coas actuacións de Alejandro Sanz, Estopa ou The Police, entre outros artistas invitados. O sorteo realizarase ao final da noite.

Documentos relacionados



Compartir: