TURISMO

Máis de 100 guións participarán no certame "Compostela Plató"

12/06/2008 Unha vez rematado o prazo de participación, os 114 traballos participantes no certame de guión Compostela Plató agardan a resolución do concurso.

O xoves 19 de xuño terá lugar a deliberación na que se elixirá ao gañador. A decisión está en mans dun xurado composto por profesionais do sector audiovisual en Galicia como José Barato (actor), Rubén Coca (realizador), Gonzalo García Velasco (guionista), Alfonso Pato (TVG), Mamen Quintas (produtora) e Sandra Sánchez (realizadora).

O premio para o seleccionado consiste na produción do guión cun orzamento de ata 40.000 euros. Igual que aconteceu cos gañadores das edicións anteriores -Quérote mal (2005), Bechos raros (2006) e Historia da arte (2007)-, a rodaxe levarase a cabo en localizacións compostelás durante o mes de xullo.

Compostela Plató é unha das actividades organizadas pola V edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela Curtocircuíto, unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, e da Concellaría de Cultura, co obxectivo de promover Compostela coma un escenario perfecto para rodar todo tipo de historias.

A curtametraxe gañadora deste certame poderá verse por primeira vez na Cerimonia de Entrega de Premios que clausurará a Semana Oficial de Curtocircuíto, o 24 de outubro

Compartir: