CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os centros socioculturais da Trisca e do Castiñeiriño poñen en marcha novas edicións das súas semanas culturais

12/06/2008 "A vida nas palabras" é o título elixido polo Centro Sociocultural da Trisca para servir de fío condutor da súa Semana Cultural. Celebrarase do 16 ao 22 de xuño e contará con música, contacontos, cinema, obradoiros, teatro e excursións. Nas mesmas datas, o CSC do Castiñeiriño celebra tamén a súa semana de actividades.

A concelleira de Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou o programa destas dúas semana culturais, que no caso da Trisca comezará o luns 16 cunha saída ao balneario para o grupo de maiores que participa na actividade de ximnasia terapéutica. Todas as actividades teñen como referencia as palabras, trasladando a súa importancia en distintos ámbitos artísticos

As actividades específicas inícianse o martes 17 pola mañá, cunha sesión de contacontos denominada "A maxia na palabra", a cargo de Títeres Cachirulo. Xa pola tarde, máis contacontos, pero para adultos, con A Loca-Motora. Este día, ademais de inaugurarse oficialmente a Semana Cultural, tamén haberá xogos coa linguaxe grazas ás "Olimpiadas na Gallaecia", baseadas en diversos xogos populares. E para finalizar a xornada, concerto de música barroca para arpa con Manuel Vilas Rodríguez.

Máis contacontos para o mércores 18, nesta ocasión con Marisa Irimia. Este día realizarase unha saída guiada pola Alameda e seguirase a xogar coas palabras con rapaces de 4 a 10 anos. E falando de palabras, proxección de A vida secreta das palabras, de Isabel Coixet.

O xoves 18 terá como novidade un obradoiro de ciencia divertida, "Reaccións químicas", e a representación de O florido pensil a cargo de Carauta Teatro. E ao día seguinte, ademais dun obradoiro e de cinema, festa de despedida para as rapazas e rapaces que participaron na actividade de apoio ao estudo.Tamén o venres 19, recital máis arpa, no que participarán Yolanda Castaño e Nuria León.

O sábado 21 celebrarase unha feira infantil a cargo das mestras en Pedagoxía Waldorf da actividade de Mañás Creativas. E a partir das 11:00 horas, sesión de portas abertas de danza do ventre, dirixida a familiares e amizades das participantes no curso. Tamén será tempo de ver os traballos do alumnado do Curso de manualidades infantís do CSC da Trisca e e para asistir a unha charla da asociación Astronomía Vega sobre "A astronomía na linguaxe", despois da cal se fará unha observación astronómica.

O último día da Semana Cultural, o domingo 22, preparouse unha excursión á rota "Fin do mundo". Os participantes visitarán Muros, muíños de marea, monte Louro, fervenza do Ézaro, monte Pindo, Corcubión e Fisterra. Xa fóra do programa, do 26 ao 29 realizarase unha excursión a Cuenca.

Semana Cultural do CSC do Castiñeiriño
No caso do Centro Sociocultural do Castiñeiriño a Semana Cultural chega á cuarta edición e celebrarase xusto despois das festas de San Antón. Supón tamén un reforzo das actividades infantís nun momento onde a xornada escolar só se imparte de mañá e hai máis tempo de lecer para os mais novos.

As actividades comezan o luns 16 de xuño, ás 19:15 horas, coa acto inaugural e a proxección do documental As Encrobas, presentado pólo propio autor, Xosé Bocixa. Ao día seguinte, pola tarde, taller de malabares e circo e un espectáculo do Trasno.

Para o mércores 18 queda o xogo de pistas e unha sesión de contacontos a cargo do grupo Migallas. Ademais, charla sobre os queixos das denominacións de orixe galegas, con degustación incluída, previa inscrición. A cata deixará paso ao deporte o xoves 19 de xuño, en que se celebrará un campionato de fútbol 3x3 e unha charla-exhibición con xogadores do Autos Lobelle. Tamén se realizará un taller de música disco e unha actuación de Dj’s.

Para a xornada do venres queda o taller de confección de instrumentos e a tarde de xogos tradicionais. E ás 20.00 horas, actuación das pandeireteiras, música tradicional e baile coa agrupación de Marrozos, dúas charangas de música tradicional e o grupo de gaitas do Castiñeiriño.

Xa na fin de semana, o sábado 21, campionato de baloncesto 3x3 a partir das 17:00 horas e certame de corais dende as 20:30 horas. E para rematar o día, noite de estrelas co Club de Astronomía Vega. A Semana Cultural péchase o domingo 22 de xuño coa representación de O florido pensil a cargo de Carauta Teatro.

A esta oferta hai que engadir unha programación infantil especial con diferentes actividades deportivas, xogos e campionatos de mesa e talleres de plástica. Ademais, exposición de traballos, taller de manualidades da asociación Recandea e exposición cadros de Amelia Riveira.

Compartir: