CONSUMO

Unha nova guía ensina a comprar con seguridade

12/06/2008 A Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), en colaboración coa Federación Galega de Euroconsumo, lanza a Guía práctica para comprar seguro. A publicación recolle unha serie de consellos e recomendacións básicas para desenvolverse cun mínimo de fiabilidade no mundo das compras.

O concelleiro de Sanidade e Consumo, Xosé Baqueiro, acompañado polo catedrático de Dereito Administrativo da USC e actual decano da Facultade de Dereito, Luís Míguez Macho, e polo responsable da OMIC, Antón Barba, presentou esta guía, que dedica unha especial atención ás actividades de promoción de vendas e vendas especiais, con descrición das modalidades e esixencias para cada unha delas. Cómpre lembrar que este tipo de vendas ten unha regulación específica.

O terceiro capítulo da publicación dedícase ás garantías dos produtos de consumo. Non faltan referencias ás obrigas contractuais, aos dereitos dos consumidores como tales, ás reparacións ou substitucións de produtos ou ás garantías comerciais.

Algo tan de actualidade coma o comercio electrónico tampouco podía faltar nesta Guía, que contén referencias básicas aos seus requisitos legais, á protección de datos e á seguridade no proceso de compra. Neste campo, o Luis Míguez lanzou unha mensaxe de tranquilidade respecto a esta modalidade de compra, que estimou segura, pero alertou sobre a necesidade de non proporcionar nunca datos persoais e financeiros a través do correo electrónico.

As rebaixas tamén teñen un espazo específico. Finalmente, a guía péchase cun anexo de consellos e recomendacións para comprar on line, para mercar en rebaixas e para reclamar.

A Guía terá unha tirada de 10.000 exemplares, dispoñibles na OMIC, nos centros socioculturais e na Federación Galega de Euroconsumo.

Compartir: