BENESTAR SOCIAL E CULTURA

Bota a andar a Asociación Párkinson Compostela baixo o lema "conéctate á vida"

12/06/2008 Unha nova entidade social, a Asociación Párkinson Compostela (ASPAC), dá os seus primeiros pasos. O Concello, a través das súas concellerías de Benestar Social e de Cultura, quixo manifestarlle publicamente o seu apoio na súa presentación aos medios. Para toda a sociedade compostelá, a posta de longo será o sábado 14 de xuño, cun concerto na praza do Toural.

A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, expresou a súa satisfacción polo nacemento de ASPAC co ánimo de ofrecer "unha vida mellor e máis digna" aos enfermos de Párkinson e a aos seus familiares. Nesta felicitación coincidiu a concelleira de Cultura, Socorro García Conde, ao resaltar o seu esforzo por "colectivizar o problema e facer partícipe á sociedade".

Foi a presidenta da Asociación, Carme Guillín, a encargada de explicar os fins e as actividades da mesma. Segundo explicou, queren darlle unha proxección "positiva" a esta enfermidade, restándolle dramatismo, e de aí o seu lema: "Conéctate á vida". Párkinson Compostela quere servir de vínculo de unión das persoas afectadas pola enfermidade na nosa cidade e toda a súa área de influencia.

Entre as posibilidades que ASPAC ofrece xa están as actividades acuáticas, un servizo de asistencia psicolóxica ou outro de asistencia logopédica. Ademais, preparan unha obra teatral coa colaboración de Paula Carballeira. Isto compleméntase con fisioterapia e spa, e obradoiros de danza, manualidades, artesanía ou debuxo. Están a preparar unha actividade de musicoterapia. Esta entidade terá un lugar na futura Casa das Asociacións, actualmente en construción.

Concerto no Toural
E para presentarse ante a sociedade compostelá, ASPAC preparou unha festa para o sábado 14 de xuño. Arrincará ás 18:00 horas con pasarrúas pola zona vella co Grupo de Gaitas da Gracia. A continuación, ás 20:30 horas, concerto presentado por Emilio Guillín e coas actuacións de Pablo Seoane e o seu grupo, Lúa de Fouce, Tino Baz e A Quenlla.

Compartir: