EMPREGO

A Bolsa de Emprego xestionada por Promoción Económica supera as 1.600 persoas na súa base de datos

11/06/2008 A Bolsa de Emprego que xestiona a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo ten na súa base de datos 1.622 persoas inscritas, das que o 67% son mulleres. No que vai de 2008, o servizo incorporou á súa base de datos 219 novas solicitudes. Destas, 147 son mulleres e 72 homes.

No mes de maio rexistráronse 33 novas solicitudes, 18 de mulleres e 15 de homes.. A distribución das 219 solicitudes presentadas en 2008 segundo a formación académica sitúa, en primeiro lugar, aos titulados universitarios (diplomados, licenciados e doctorados), con 86 inscritos (67 mulleres e 19 homes). Representan o 39,27% dos usuarios. En segundo lugar están as persoas con estudos primarios, un total de 55, o 25,11%. Delas, 29 son mulleres e 26 homes.

O 48,86% das persoas inscritas en 2008 na Bolsa de Emprego, un total de 107, teñen entre 25 e 34 anos. A continuación atópanse as franxas de idade que van dos 35 aos 44 anos, con 61 demandantes, e dos 45 aos 54 anos, con 26. O sector de emprego máis demandado polos inscritos en 2008 na Bolsa de Emprego é o Sector Servizos. Presentáronse 165 demandas para este sector, o 75,34% do total. Os outros dous sectores demandados son Industria, con 29 solicitudes, e Construción, con 25.

A Bolsa de Emprego concíbese coma un espazo integrador das distintas políticas activas e actuacións municipais dirixidas a facilitar a inserción laboral das persoas demandantes de emprego así coma a intermediación laboral coas empresas. Enténdese coma outra vía de entrada ao mundo laboral: unha forma de relación entre os demandantes e os oferentes.

Compartir: