EDUCACIÓN

Un curso formará ao persoal dos servizos de seguridade sobre comportamentos ante os accidentes viarios

11/06/2008 A Asociación Stop Accidentes e a Concellería de Educación realizarán o martes 17 de xuño un Curso de formación en intervención psicosocial con vítimas da violencia viaria. A sesión, que de desenvolverá no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas, está dirixido ao persoal dos servizos de seguridade: Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, Cruz Vermella, Urxencias Sanitarias de Galicia, Policía Nacional e outros profesionais interesados.

O obxectivo fundamental deste curso é ensinar pautas de conduta diante de calquera accidente de circulación con vítimas. A psicóloga Maider del Río e a vicepresidenta e delegada de Stop Accidentes en Galicia, Jeanne Picard, conducirán estas sesións, divididas en dous bloques.

No primeiro introducirase á realidade das vítimas de accidentes de tráfico. Trátase de afrontar reaccións postraumáticas agudas, de comunicar malas noticias, de realizar protocolos de intervención ou de aprender recursos de afrontamento. O segundo bloque céntrase na intervención psicolóxica. Analizaranse as reaccións postraumáticas posteriores, con especial atención ás que afectan a nenos e adolescentes.

A Asociación Stop Accidentes vén impulsando activamente un labor de sensibilización cara o temas dos accidentes viarios. Traballa dende a prevención para contribuír á redución dos accidentes de tráfico e para esixir das administracións medidas para resolver o problema da inseguridade viaria, pero tamén na prestación de atención psicolóxica e xurídica ás vítimas e ás súas familias.

Este curso incide na ecuación viaria como o mellor camiño para a formación dunha conciencia viaria. De aí a colaboración da Concellería de Educación con esta iniciativa, que se une a outras xa postas en marcha con Stop Accidentes. Tal é o caso do Día Mundial en recordo das vítimas da violencia viaria, o 17 de novembro de 2007 no Toural, ou as sesións didácticas na aula de formación do Parque Infantil de Tráfico. Para o curso 2008-2009 estase a traballar no deseño do I Concurso das Aulas Activas de Seguridade Viaria, co proxecto "Pais e nais, agora edúcovos eu".

Compartir: