URBANA SANTIAGO NORTE

Santiago, seleccionada dentro da Iniciativa Urbana 2007-2013

11/06/2008 O Ministerio de Facenda acaba de facer público o nome das 43 cidades españolas seleccionadas no programa Iniciativa Urbana 2007-2013, para impulsar proxectos de desenvolvemento urbano sustentable. Santiago de Compostela e o seu proxecto Urbana Santiago Norte foi unha das elixidas e recibirá 8 millóns de euros procedentes dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea.

As voceiras municipais do PSOE e do BNG, Marta Álvarez-Santullano e Socorro García Conde, anunciaron a nova sobre a concesión deste proxecto, que permtirá o desenvolvemento socio-urbano de varios barrios do norte da cidade. É a primeira vez que Santiago é seleccionada na Iniciativa Urbana

García Conde tivo palabras de agradecemento para as entidades que apoiaron esta iniciativa, "que recolle as demandas das organizacións sociais das zonas beneficiarias". Ademais, destacou a "transversalidade" deste proxecto, no que participan diferentes concellarías, a participación cidadá no mesmo e o papel que xogará "no reequilibrio territorial da cidade".

Pola súa parte, Álvarez-Santullano, esta elección é "un recoñecemento ao modelo de cidade sustentable polo que apostou Santiago e unha oportunidade para a rexeneración urbana dos barrios do norte da cidade". Neste sentido, incidiu no que suporá "para a mellora da calidade de vida dos cidadáns".

Rexeneración urbana
O ámbito físico de actuación vai ser o que conforman os barrios máis antigos e tradicionais da zona norte da cidade: Vista Alegre, Romaño, Vite, Guadalupe, Salgueiriños, San Caetano, Basquiños, Ultreia, Espírito Santo, A Estila, A Almáciga, San Pedro, Concheiros, Belvís e Quiroga Palacios. Trátase dunha área que presenta un volume demográfico superior aos 15.000 habitantes.

Co desenvolvemento do Urbana Santiago Norte preténdese lograr unha rexeneración económica e social destes barrios, equilibrando ou equiparando a súa situación coa do resto da cidade. Dentro das actuacións previstas no proxecto terán gran protagonismo os programas de dinamización social, igualdade de oportunidades e formación de colectivos en risco de exclusión, que se levarán a cabo en todos os barrios que forman parte do proxecto.

Tamén están previstas importantes actuacións destinadas a reurbanizar, acondicionar e mellorar a accesibilidade de parques e espazos públicos como a rúa dos Concheiros. Ademais haberá melloras na mobilidade do barrio de Vista Alegre, no acceso ao río Sarela e no barrio da Almáciga.

Estas actuacións irán acompañadas dun forte apoio ao fomento da actividade comercial e empresarial, con proxectos como a recuperación dos corredores comerciais dalgúns destes barrios, a instalación dunha incubadora virtual de empresas de economía social, e a construción dun centro de cualificación profesional e promoción de emprego.

Infraestruturas
Outras infraestruturas destinadas a mellorar a calidade de vida dos veciños van ser a construción dunha escola de educación infantil para nenos de 0 a 3 anos en Salgueriños; melloras nas instalacións deportivas dos barrios; a creación dun aula de interpretación da auga na Almáciga; a construción de dous centros cívicos integrados e aulas multimedia nos barrios de Vista Alegre e a Almáciga; a instalación de wifi nos parques de Vista Alegre, Vite, Bonaval e Belvís e a creación e dotación de espazos para o fomento da creación cultural, que incluirá actuacións nunha antiga curtidoría situada no parque de Belvís e tamén no edificio anexo ao colexio Santiago Apóstolo, no barrio da Almáciga.

No apartado medioambiental, inclúese a mellora da eficiencia enerxética e a instalación de sistemas de enerxías renovables en edificios públicos; e a limpeza do río Sarela con restauración da zona entre O Romaño e Galeras.

15 millóns de euros
Os oitos millóns de euros do FEDER completaranse con fondos municipais e doutras administracións ata completar o orzamento total de 15 millóns de euros, se ben a concelleira de Rehabilitación non descartou o incremento desta cantidade.

Santiago foi seleccionada para a Iniciativa Urbana xunto con outras 43 cidades españolas, tres delas galegas (Lugo, A Coruña e Ferrol). En total presentáranse 102 propostas.

Compartir: