ALCALDÍA

O alcalde clarifica en Madrid a xestión dos proxectos cos ministerios de Defensa e Fomento

10/06/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, mantivo dúas xuntanzas nos Ministerios de Defensa e de Fomento co obxecto de axilizar unha serie de temas sobre os que vén traballando o Concello en relación con ambos os dous organismos.

Na primeira xuntanza co director xeral de Infraestruturas do Ministerio de Defensa, Jaime Denís Zambrana, o alcalde estivo acompañado pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, e por técnicos do seu departamento. No transcurso da reunión abordouse a situación do proxecto de Bando, analizándose o Estudo Económico realizado no seu día pola empresa municipal EMUVISSA e a proposta de convenio entre o Concello e o Ministerio para contrastar os diferentes puntos de vista posibles. Da análise realizada xurdiron dúas incógnitas cuxa solución dará paso á firma definitiva do Convenio.

A primeira delas estaba en relación co Parque Tecnolóxico previsto inicialmente e a súa influencia no proxecto. Informouse ao Ministerio de que a aprobación do mesmo está pendente dun informe da Dirección Xeral de Patrimonio, en relación coa súa incidencia no Camiño Francés. Con toda probabilidade, a finais de xullo, esta cuestión quedará definitivamente resolta.

A segunda dúbida centrábase na resolución da aprobación definitiva do PXOM e a súa incidencia no proxecto de Bando. Informouse ao Ministerio de que a revisión mantén os mesmos criterios que a documentación inicial e que a Consellería de Política Territorial tamén ten o compromiso de dar a aprobación definitiva a finais de xullo, aínda que o prazo legal remata o 21 de agosto.

Resoltas estas dúas incógnitas, con toda probabilidade antes do verán, o Ministerio e o Concello estarán en condicións de asinar o Convenio e dar luz verde ao proxecto do campo de Bando.

Infraestruturas viarias en marcha
A continuación, o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, trasladouse ao Ministerio de Fomento, onde mantivo a xuntanza prevista co director xeral de Carreteras, Francisco Criado. Nesta reunión tratáronse seis temas de grande interese para Santiago de Compostela en relación coa rede viaria. O calendario do proxecto do túnel de Galuresa, o proxecto do paso inferior da rotonda de Conxo, a ampliación de carrís na AP-9, o acceso ao Polígono do Tambre, un estudo de tráfico e a conexión da autovía da Estrada coa autoestrada Santiago-Ourense.

A reunión foi cualificada por Sánchez Bugallo de "densa e positiva". En relación coa obra do túnel baixo da rúa do Hórreo ata a avenida de Lugo, o director xeral manifestou ao alcalde que "no Ministerio non hai problema de orzamentos para anticipar a obra todo o que sexa necesario", pero que nalgunha medida vai depender da capacidade das empresas adxudicatarias para levalo a efecto.

En todo caso, o proxecto en marcha, que comezará a súa execución este verán, contempla a realización de dous túneles independentes, seguindo a actual normativa europea. Un discorrerá pegado á beirarrúa e o outro á Estación do ferrocarril. Esta concepción do proxecto permitirá a implantación de pilotes e lousas horizontais de formigón de xeito independente en cada beira, ao estilo construtivo xa empregado no aparcadoiro da Rosa. Deste xeito manterase sempre una dirección de tráfico en superficie aberta mentres as obras continúan debaixo. Antes do verán de 2009 estará concluída a primeira fase e o tráfico en superficie, dos dous sentidos, quedará totalmente recuperado antes de maio de 2010, aínda que as obras soterradas sigan o seu curso.

Na mesma xuntanza foi presentado o proxecto do paso inferior da rotonda de Conxo, que terá un orzamento de 5.000.000 euros e será licitado cara ao mes de outubro.

Deseguido analizouse a situación do proxecto de acceso ao Polígono do Tambre, do que se está á espera de que a adxudicataria entregue as correccións neste mes de xuño, que lle foron solicitadas no mes de maio.

En relación coa ampliación de carrís da AP-9 ao seu paso por Santiago de Compostela, o Ministerio está en fase de negociación coa empresa concesionaria, pero os proxectos xa están redactados, de xeito que entre as saídas 72 e 75 –A Rocha/O Castiñeiriño- a ampliación será a tres carrís en cada sentido, mentres que no tramo O Castiñeiriño-San Lázaro, a ampliación será a catro carrís en cada sentido. Realizarase, ademais, unha nova rotonda en San Lázaro para axilizar as saídas e incorporacións.

Tamén se acordou encargar un estudo de tráfico do vieiro Sar-A Pontepedriña, co obxectivo de valorar se xa é necesario proceder á súa ampliación a catro carrís.

Finalmente, o director xeral do Ministerio anuncioulle ao alcalde a autorización para proceder ao enlace entre a autovía da Estrada e a autoestrada Santiago-Ourense.

Compartir: