DEPORTES

Máis de 400 equipos participarán na Compostela Cup do Camiño 2008

10/06/2008 A Fundación Compostela Deporte presentou esta mañá a Fase Final Internacional da Compostela Cup do Camiño 2008, que se disputará entre os días 14 de xuño e 6 de xullo. Están inscritos máis de 400 equipos e haberá máis dun milleiro de partidos e probas.

O vicepresidente da Fundación e concelleiro de Deportes de Santigo, Andrés Fariña, agradeceu o apoio das entidades patrocinadoras e colaboradoras, das federacións deportivas galegas e das demais entidades deportivas, culturais e sociais para o desenvolvemento do Torneo. Ao mesmo tempo subliñou a importancia de que "o deporte se vaia enraizando pouco a pocu na mentalidade de moitos axentes, na empresa privada, nas institucións públicas e demais entidades. Temos que elevar o deporte á categoría de necesario para unha mellor sociedade".

"A Fundación quere, xunto a todos os axentes, incrementar os valores que no día de mañá nos permitirán ter persoas máis formadas. Leva adiante este tipo de iniciativas, como a Compostela Cup do Camiño, dende o punto de vista da globalidade en beneficio da sociedade. E faino baixo o paraugas do Concello de Santiago, que tamén aposta por este tipo de política deportiva", engadiu.

Pola súa banda, o subdirector xeral de Ordenación do Turismo da Consellería de Innovación e Industria, Xavier Valino, destacou o carácter formativo e cultural do Torneo. "A Compostela Cup do Camiño va máis aló do aspecto competitivo, serve para ensalzar os valores e o encontro e irmandamento entre deportistas de distinta procedencia. Elementos que tamén ilustran o fenómeno Xacobeo. Cómpre lembrar tamén que a experiencia do Camiño de Santiago está vinculada ao deporte, porque os peregrinos chegan a Compostela a pé, en cabalo ou en bicicleta", comentou.

Finalmente, o director de Marketing de Caixanova (entidade patrocinadora), Jorge Santos, destacou o crecemento da Compostela Cup do Camiño: "Dende a súa orixe, non só en número de participantes, senón tamén nos seus obxectivos, xa que é unha competición que da moita importancia á convivencia entre os seus participantes. Ademais, superou o localismo. É algo de Galicia; e mantén siñerxias con outros campionatos da nosa comunidade. Tamén é unha enorme satisfacción ver como en cada edición aumenta o abano de deportes".

Fase Final
A Fase Final da Compostela Cup do Camiño desenvolverase entre os días 14 de xuño e 6 de xullo. Na disciplina de fútbol, contará con equipos procedentes de distintas comunidades autónomas españolas, como Andalucía ou Castela-A Mancha. No ámbito internacional está confirmada a presenza de varios clubes portugueses de Braga, Bragança, Lisboa e Porto. Ademais, tamén estarán os equipos de base dos clubes más representativos do fútbol galego: Deportivo, Celta, Racing de Ferrol e Lugo, e a práctica totalidade das canteiras máis representativas das catro provincias da nosa Comunidade.

Na modalidade de baloncesto destaca a participación no Torneo dos equipos das categorías inferiores do CB Pío XII de Santiago, o CB Arxil de Pontevedra, o CB Cidade de Lugo, o CB Marín Peixe Galego e o IB Rosalía de Castro, entre outros. E tamén conxuntos procedentes das comunidades autónomas de Castela e León, Cataluña, Estremadura ou Valencia, así como formacións procedentes de Portugal.

A disciplina de fútbol sala contará cunha ampla representación de equipos galegos, entre os que destacan O Parrulo FS e o Lobelle de Santiago. Mentres que para o atletismo acudirán á cita, entre outros, o Club Atletismo Noia, Atlética A Silva, San Xoán de Ferrol ou a EDM Riveira.

O ciclismo, unha das novidades desta edición do Torneo, estreará a súa andaina na competición coa disputa dunha proba que sairá de Palas de Rei e terá a súa chegada no Estadio Multiusos de San Lázaro, en Santiago de Compostela. Cómpre lembrar tamén que, un ano máis, os deportes maioritarios convivirán coas exhibicións doutras modalidades deportivas coma o tenis de mesa, a loita, a esgrima ou o xadrez.

Fases previas
A Compostela Cup do Camiño 2008 comezou hai seis meses coa disputa da Fase Local, que se desenvolveu en 23 concellos galegos: Abegondo, Allariz, Ames, Arzúa, Boimorto, Boiro, Cerceda, Ferrol, Lugo, Mos, Noia, O Pino, Oroso, Ourense, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Ribadeo, Ribeira, Sarria, Teo, Verín, Xinzo e na localidade portuguesa de Porto. Nesta rolda participaron un total de 220 equipos e 3.735 deportistas, nas modalidades de atletismo en pista e ruta, baloncesto, fútbol e fútbol sala.

Os Concellos de Ferrol e Ourense foron as sedes da Fase Comarcal. Nesta segunda rolda da competición estiveron un total de 41 equipos e 787 deportistas, nas disciplinas de: baloncesto, fútbol e fútbol sala. Polo que ata a data, na Compostela Cup do Camiño 2008, participaron un total de 261 conxuntos e 4.522 deportistas.

Historia
Dende a súa orixe en 2005, a Compostela Cup foi medrando paulatinamente. Na súa primeira edición contaba con dúas modalidades deportivas: fútbol e fútbol 7. Ao seguinte ano sumáronse o baloncesto e o fútbol sala, mentres que na última edición foron o balonmán e o fútbol de veteranos. E, para a presente edición, ás disciplinas deportivas mencionadas uníronse o atletismo en pista e ruta e o ciclismo.

Ademais, de xeito progresivo tamén foi aumentando o número de categorías en cada un destes deportes. O incremento do número de modalidades deportivas no Torneo supuxo que fose medrando o número de participantes e dos seus lugares de procedencia: Galicia, doutras autonomías do territorio español e do estranxeiro.

Porén, a evolución máis importante da competición foi cualitativa. Dende a edición de 2007 o Torneo cambiou o seu nome polo de Compostela Cup do Camiño para sumar, aos seus obxectivos iniciais a unión entre o deporte e a cultura; o deporte e os distintos Camiños que levan a Compostela.

O novo deseño do Torneo nace coa finalidade de dar a coñecer o Patrimonio Cultural, Natural e Mitolóxico galego, polo que dende a terceira edición as fases previas do torneo (locais e comarcais), dispútanse ao longo dos distintos concellos pertencentes as catro provincias de Galicia, que forman parte do Camiño de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: