TURISMO

Vinte e sete establecementos inscritos no concurso de "Santiago(é)Tapas"

09/06/2008 O I Concurso Santiago(é)Tapas conta xa con 27 inscritos. O prazo de inscrición no certame, que se celebrará entre o 28 de xuño e o 13 de xullo, abriuse o 28 de maio e rematará o domingo 15 de xuño.

Os interesados poden inscribirase a través da web do concurso www.santiagoetapas.com ou enviando a folla de inscrición por correo postal, fax ou correo electrónico á Secretaría Técnica do Concurso en horario de oficina (rúa do Pombal, 35, baixo. 15705. Santiago de Compostela. Tel: 981 935 345 - 981 591 171. Correo-e: etapas@santiagoturismo.com).

A Concellaría de Promoción Económica e Turismo ten fixado un límite de 50 establecementos, que se completará por orde de inscrición. Cada participante pode presentar un máximo de tres tapas que figurarán na súa oferta durante os días do concurso. Xunto ao formulario de inscrición os participantes entregarán unha ficha técnica de cada tapa onde indiquen o seu nome, ingredientes e xeito de preparación.

A organización ten establecidos catro premios para os estabelecementos participantes: Mellor Tapa, Tapa Tradicional e Tapa Creativa, outorgados por un xurado, e o premio Tapa do Público, decidido por votación popular. O Premio á Mellor Tapa está dotado con 1.000 euros. Ademais, entre todos os establecementos participantes sortearase unha invitación para dúas persoas ao Forum Gastronomic de Girona, que inclúe os billetes de avión, a estancia e dúas credenciais para o evento. Tamén haberá premios para as persoas que cubran as diferentes etapas do Tapasporte.

Compartir: