PROMOCIÓN ECONÓMICA

Santiago reforzou en Bahía a súa imaxe como destino turístico e económico

09/06/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, valorou en rolda de prensa os resultados da visita ao Estado brasileiro de Salvador de Bahía, que tivo lugar entre o 1 e 6 de xuño, e na que participaron representantes da USC e do sector empresarial da cidade, coa colaboración do touroperador galego Costas Galicia.

A misión tiña coma obxectivo promocionar dun xeito integral Santiago de Compostela, presentando conxuntamente os seus atractivos turísticos, a súa capacidade empresarial e a potencia investigadora e a oferta formativa da Universidade. As actividades programáronse tendo en conta o crecemento económico do Estado da Bahía na última década, moi superior á media do Brasil. Este crecemento propiciou a aparición de novos segmentos con capacidade para facer turismo en Europa. Ademais, o crecemento foi posible grazas a sectores industriais como transportes, comunicación e saneamento, xa consolidados no noso tecido empresarial.

A misión para promocionar Santiago na Bahía visitou de xeito conxunto a Secretaría de Industria, Comercio e Mineraçao do estado brasileiro, onde foron recibidos polo secretario de Estado, Rafael Amoedo. Alí, representantes da PROMO (Centro Internacional de negócios da Bahía) realizaron unha presentación de Salvador de Bahía como un lugar onde investir e facer negocios. Despois o grupo mantivo unha reunión con técnicos do centro para analizar casos concretos presentados polas empresas. O conxunto da misión mantivo unha xuntanza con representantes de distintas institucións que traballan en prol do desenvolvemento económico de Salvador de Bahía, e con representantes da diáspora galega no Estado.

Contactos empresariais, turísticos e académicos
Xa con axendas separadas, a delegación de empresarios visitou distintas agrupacións empresariais en Salvador de Bahía, como a Asociación de Dirixentes de Empresas do Sector Inmobiliario e a Asociación Comercial do Estado da Bahía, que agrupa ás 60 asociacións empresariais e comerciais do Estado brasileiro e institucións públicas e privadas relacionadas coa investigación aplicada, a tecnoloxía e a formación de traballadores. Tamén tiveron oportunidade de visitar a planta de produción da empresa Ford e de entrevistarse con empresas de Salvador para analizar polo miúdo as posibilidades de negocio e intercambio que estas ofrecían. Ademais reuniuse con expertos en política administrativa e fiscal para coñecer os procesos precisos para facer negocios en Brasil.

O grupo de Turismo de Santiago tivo unha completa axenda na que destacan un acto con 80 axencias de viaxes maioristas especializadas no mercado europeo e deu unha rolda de prensa a que acudiron xornalistas especializados en turismo e economía. Tamén tivo un encontro con 20 touroperadores de Salvador de Bahía, que amosaron o seu interese por Santiago, que no 2007 foi nomeada en Brasil como o mellor destino turístico internacional. Ademais entrevistouse co secretario de Turismo do Goberno de Bahía, co secretario de Turismo da Prefeitura (Concello) de Salvador de Bahía e coas principais institucións dedicadas á promoción do turismo en Salvador de Bahía: Bahíatursa e Entursa.

A USC, pola súa banda, tivo unha ampla axenda na que destacan unha reunión coas Facultades de Turismo na sede da Asociación Bahiana de Axencias de Viaxes e unha visita a entidade cultural Caballeros de Santiago. A universidade tamén se reuniu coa Universidade Federal da Bahía, a Universidade Jorge Amado, a Universidade Católica de Salvador, o Instituto Cervantese e a UNIFAC.

Na rolda de prensa, Xosé Manuel Iglesias estivo acompañado por Lanzada Calatayud, xerente dos Cursos Internacionais da USC, Iñaki Gaztelumendi, xerente de Turismo de Santiago, e Carme Casado, responsable da Oficina de Promoción Económica e Emprego.

Compartir: