TURISMO

Turismo de Santiago invita a coñecer os talleres de artistas

06/06/2008 Un total de 16 visitas guiadas gratuítas, patrocinadas por Turismo de Santiago para a fin de semana do 7 e o 8 de xuño e a seguinte, permitirán aos habitantes e visitantes da cidade achegarse ao mundo da creación visual compostelá, coñecer aos artistas e explorar os seus obradoiros e as súas formas cotiás de traballo.

Esta iniciativa de Turismo de Santiago e Da Concellaría de Promoción Económica e Turismo é a contribución do Concello compostelán ao desenvolvemento do II Roteiro de Creación Contemporánea, que ten lugar en Santiago entre o 6 e o 15 de xuño.

O calendario comeza o sábado 7 e o domingo 8 con dúas rutas distintas para 4 visitas diarias. O "Roteiro na Zona Vella" percorre o casco histórico para asomarse ao obradoiro das ourives Soledad Matos e Mónica Fraga, ás galerías Metro e Noroeste e ao taller do polifacético artista Luis Méndez. Este percorrido ofrecerase o sábado 7 de 12:00 a 14:00 horas en inglés e galego, e pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas, en francés e castelán; e o domingo en inglés e francés pola mañá e en galego, castelán e italiano pola tarde.

O "Roteiro en San Pedro", pola súa parte, paséase polo barrio de San Pedro e os seus lindeiros para visitar a galería Petronio e aos artistas Neves Seara, Manoel Bonaval, José Manuel Méndez nos seus peculiares obradoiros. Esta visita ofrecerase o sábado 7 de 12:00 a 14:00 horas en francés e castelán, e pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas, en inglés e galego; e o domingo 8 en galego, castelán e italiano pola mañá, e en inglés e francés pola tarde.

Idénticos horarios terán ambos roteiros na seguinte fin de semana, partindo sempre da oficina de Turismo de Santiago na rúa do Vilar, 63. Alí poden facerse as reservas, que admiten só un máximo de 10 persoas por grupo, todos os días en horario de 9:00 a 13:00 e de 16:00 a 19:00 horas; ou polo teléfono 981 555 129.

Direccións relacionadas



Compartir: