DEPORTES

Os IV Encontros Deportivos da AEP constatan entre os máis novos a importancia dos hábitos de vida saudables

06/06/2008 As autoridades subliñaron a importancia dos hábitos de vida saudable aos máis de 600 escolares que participaron no IV Encontro Deportivo da Asociación Española de Pediatría "O deporte é saúde". Na xornada desenvolvida no Estadio de San Lázaro estiveron rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos, que gozaron das actividades desta iniciativa, destinada a traballar de forma conxunta polo fomento de hábitos de vida saudables a través do deporte.

O acto de clausura contou coa presenza do alcalde de Santiago e presidente da Fundación Compostela Deporte, Xosé A. Sánchez Bugallo, da conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, e do membro da Xunta Directiva da Asociación Española de Pediatría (AEP) Carlos Paredes. Sánchez Bugallo felicitou aos escolares por dedicar a mañá ao deporte e á saúde: "Fixestes moito exercicio, algo que vos vai moi ben. Pero tamén fixechedes unha obra de caridade moi importante, porque ao vir vos aquí, os vosos profesores tamén fixeron un pouco de actividade física e a les facíalles máis falta".

A conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, tamén subliñou a importancia do deporte para os escolares. "Agora que tedes unha boa saude, e que case ningún e ningunha tedes algún problema de enfermidade, tedes que conservala. Para iso é fundamental facer exercicio, seguir unha boa dieta alimenticia, non fumar, non beber e non consumir drogas", afirmou.

Pola súa banda, o membro da Xunta Directiva da AEP, o doutor Carlos Paredes, subliñou que "hai cinco anos fixemos unha aposta polos nenos e nenas no desenvolvemento do noso Congreso, que hoxe se viu superada con creces. Quero agradecervos a todos a vosa presenza neste encontro porque realmente a actividade física é a clave básica para o voso desenvolvemento. Gracias en nome de todos os pediatras españois".

Na clausura tamén estiveron o concelleiro de Deportes de Santiago e vicepresidente da Fundación, Andrés Fariña; o director xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Ramón Medina e o presidente da Sociedade Galega de Pediatría, Juan Manuel Sánchez Lastres.

Os IV Encontros Deportivos da AEP enmárcanse dentro das accións de desenvolvemento do Plan Integral Deporte e vida (PIDEVI), posto en marcha pola Fundación coa finalidade de poñer en valor os beneficios que reporta o deporte nos ámbitos da saúde, os bos comportamentos, a non violencia e o benestar social entre os deportistas de Compostela e o seu ámbito de influencia; do Programa PASEA da Consellería de Sanidade e da celebración do 57 Congreso da Asociación Española de Pediatría.

O obxectivo deste evento é desenvolver actividades deportivas entre os nenos de primaria para sensibilizar da importancia do xogo e dos bos hábitos saudables, entregándolles material informativo, coa realización dunha avaliación física e cunha enquisa sobre hábitos alimentarios e saudables.

Ao longo da mañá os nenos e nenas que estiveron en San Lázaro puideron practicar deporte nas zonas habilitadas para a realización de xogos de tenis de mesa, con pelota e na de carreiras atléticas. E tamén dos hinchables, obradoiros e atraccións de baile.

Compartir: