EDUCACIÓN

Cento cincuenta alumnas de cinco centros escolares bailarán nunha nova edición de "Compostela en Danza"

06/06/2008 O Auditorio de Galicia acollerá o domingo 8 de xuño, ás 20:00 horas, a terceira edición do Certame de Danza Intercentros "Compostela en Danza". Será a oportunidade de contemplar ata 17 coreografías realizadas por 150 alumnas de cinco centros de ensino da cidade.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, asistirá a este espectáculo, que permitirá por sobre o escenario o traballo realizado ao longo do ano no eido da danza nos centros escolares. Trátase, en definitiva, de incorporar a danza ao contorno do escolar e da mocidade, para que deixe de ser unha disciplina pouco coñecida.

O espectáculo permitirá ver a representación de diversas coreografías, clásicas e modernas, entre as que se inclúen algunhas tan coñecidas coma os valses de "O lago dos cisnes" ou de "O quebranoces", "Naceu unha estrela" ou "A frauta máxica". Da preparación das coreografías encargáronse as profesoras Beatriz Viñal, Eva Cancio, Silvia Miramontes, Mercedes Martínez e Luz Fernández.

O certame está organizado pola Concellería de Educación e pola Asociación Cultural Danza Stellae. Participarán os centros de ensino San Xosé de Cluny, Manuel Peleteiro, Pío XII, López Ferreiro e Xelmírez I. A entrada é de balde. Como novidade, este ano haberá un posto no que se venderán diversos artigos relacionados coa danza, co obxectivo de recadar fondos e promover novos deseños e creacións.

Compartir: