EDUCACIÓN

A Rede de Cidades Educadoras pon en valor o patrimonio como elemento educativo

06/06/2008 Unha das redes temáticas da Rede Española de Cidades Educadoras reuniuse en Santiago para falar sobre o valor do patrimonio como elemento na educación. Baixo a coordinación de Barcelona, 24 cidades españolas, entre elas Santiago, participan na área de traballo "Cidade, educación e valores patrimoniais. A cidade educadora, un espazo para aprender e ser cidadáns. Aprender en, de e para a cidade".

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu aos participantes neste encontro, encabezados pola concelleira de Educación de Barcelona, Montserrat Ballarín. Esta, pouco antes de dirixirse á Fundación Caixa Galicia para pronunciar a conferencia "A cidade educadora como escenario de experiencias de educación patrimonial", explicou os obxectivos da Rede Española de Cidades Educadoras e da rede de traballo reunida en Santiago en Particular.

Ballarín indicou que a filosofía desta Rede é "a necesidade de que todos contribuamos a educar cidadáns". Nesta dirección, segundo dixo, os Concellos xogan un papel fundamental, tanto polas súas políticas como pola súa proximidade aos cidadáns. "Os Concellos coas súas políticas transmiten valores e é bo facer pedagoxía de cales son", apuntou.

"Esta rede pon en valor o patrimonio como elemento educativo e a maneira na que ir adquirindo respecto por eses valores", sinalou. Para Ballarín, "o patrimonio é beleza nun sentido profundo e recoñecer a beleza é aprender a apreciar e a entender a diversidade. As cousas que se coñecen son as que se respectan".

Pola súa parte, a concelleira de Educación de Santiago, Guadalupe Rodríguez, referiuse a Compostela como cidade convertida en espazo educador, "no que os nenos aprenden a ser cidadáns". Ademais, expresou a satisfacción de Santiago, que se incorporou á segunda etapa desta rede de traballo, por acoller este encontro.

A concelleira de Educación barcelonesa recordou tamén que a Rede Española de Cidades Educadoras está formada á súa vez por sete redes temáticas, propostas por unha cidade e elixidas polo resto. Barcelona forma parte tamén da Asociación Internacional de Cidades Educadoras, composta por 372 cidades de todo o mundo, na procura dunha educación integral das persoas.

Compartir: