ALCALDÍA

O Plan Estratéxico e o PXOM marcarán conxuntamente a evolución da cidade no período 2008-2020

06/06/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, referiuse na súa habitual rolda de prensa dos venres ao Plan Estratéxico, que entra na súa recta final. O obxectivo é que tanto o Plan como o PXOM estean en execución á volta do verán, co fin de que marquen a evolución da cidade nun período de 12 anos, entre 2008 e 2020.

Unha vez reunida a Comisión de Dirección do Plan Estratéxico, no que se fixo a proposta de desenvolvemento de obxectivos e liñas estratéxicas, o documento pasará polo Comité Executivo do Plan o 25 de xuño. Posteriormente, a principios de xullo, irá ao Consello Económico e Social. "Antes do verán imos concentrar os esforzos para articular as medidas para conseguir os obxectivos do Plan e os mecanismos de seguimento dos mesmos", apuntou Sánchez Bugallo.

O rexedor compostelán destacou que o período comprendido para o Plan é o 2008-2012, ao igual que o Plan Xeral de Ordenación Municipal. "Existe correlación entre un e o outro e irán en paralelo", destacou. Deste xeito, dixo, "nun escenario complexo, Santiago teremos clara a dirección na que imos, os nosos obxectivos e as medidas para conseguilos".

O obxectivo central do Plan Estratéxico é "facer de Compostela a porta de Galicia dinámica e innovadora. Unha cidade aberta, unha cidade de encontro, cun horizonte de desenvolvemento continuado e sostible capaz de achegar á capital de Galicia unha base económica sólida, diversificada e competitiva e aos seus habitantes un futuro con emprego de calidade, cohesión social e calidade de vida, nun contorno ambiental e urbano de excelencia, vivo e preservado para o seu disfrute como Patrimonio Cultural da Humanidade.

A partir desta proposta central elaboráronse seis liñas prioritarias, subdividas á súa vez en distintos obxectivos. A primeira das liñas aposta por diversificar a base económica da cidade, creando emprego de calidade, consolidando o tecido empresarial e atraendo novos investimentos. A segunda promove unha mellora da accesibilidade e da mobilidade, con novas infraestruturas e transportes que comuniquen a cidade coa rede europea e co sistema urbano galego-norteño. A terceira propón impulsar o atractivo da cidade e afondar na súa proxección internacional. A cuarta incide na consolidación, coa formación, o I+D+i e a cultura, dun contorno innovador para facer de Santiago unha cidade do coñecemento. A quinta fala do aumento da calidade de vida, da cohesión social e do avance na calidade ambiental. Finalmente, a sexta liña avoga por reforzar as institucións interadministrativas , as iniciativas de goberno urbano supramunicipal e a modernización participativa.

Reunións sobre infraestruturas e facenda
Sánchez Bugallo aproveitou a rolda de prensa para anunciar as distintas reunións que manterá o martes 10 e o xoves 12 con responsables de Fomento e Facenda. En concreto, o mércores reunirase ao medio día co director xeral de Infraestrutura do Ministerio de Defensa, Jaime Denis Zambrana, co que falará do tema de Bando.

Xa pola tarde, estará co director xeral de Carreteras do Ministerio de Fomento, Francisco Criado. Sobre a mesa estarán temas. Sobre a mesa estarán temas como o túnel da Galuresa, os accesos ao polígono do Tambre ou o terceiro carril do Periférico. Pouco despois, será a vez da xuntanza coa subsecretaria de Economía do Ministerio de Economía e Facenda, Juana María Lázaro, para falar sobre o Consorcio e sobre o 2010.

O xoves 12, o alcalde volverá a Madrid para entrevistarse co secretario de Estado de Planificación e Relacións Institucionais do Ministerio de Fomento, Víctor Morlán. O AVE será o tema da reunión. "Queremos que coñeza de primeira man as nosas preocupacións e a nosa proposta", indicou Sánchez Bugallo. Desbloquear o tema da estación do AVE ou explicar o informe negativo do Concello respecto á entrada do AVE polo Castiñeiriño están entre os obxectivos do encontro.

Compartir: