ALCALDÍA

Santiago, referente da pediatría en España

05/06/2008 O 57 Congreso da Asociación Española de Pediatría reúne no Palacio de Congresos a 2.300 pediatras entre o 5 e o 7 de xuño. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou este encontro, no que destacados especialistas tratarán temas como as vacinas infantís ou a obesidade nos máis pequenos, entre outros.

Na súa intervención para abrir o Congreso, Sánchez Bugallo agradeceu a elección de Santiago para a celebración do mesmo, "que en pasadas edicións obtivo excelentes resultados, tanto no referente á asistencia de especialistas da pediatría como nas propostas científicas achegadas polos ponentes, así como polas actividades paralelas dirixidas aos máis pequenos". O alcalde recordoulle aos asistentes que "a nosa cidade é hoxe un centro médico de vital importancia para Galicia". Neste sentido, citou "a Facultade de Medicina e o esforzo investigador e docente que exerce hoxe da nosa Universidade", e engadiu que "as nosas dotacións hospitalarias son tamén exemplo da atención e do camiño percorrido na implantación do benestar social."

Sobre o contido do Congreso, Sánchez Bugallo indicoulles aos médicos que pediatras que "teñen a responsabilidade e o privilexio de axudar e tratar aos nosos pequenos, aos seres humanos máis indefensos, necesitados de protección e da garantía de que os seus dereitos básicos van a ser respectados". Por iso, dixo, "faise preciso, que vós, se cadra máis que outros especialistas, afinedes ao máximo a vosa sensibilidade, o voso compromiso social e unha forte vocación de servizo".

Despois do acto de apertura, tomou a palabra a conferencia inaugural o Xuíz de Menores de Granada, Emilio Calatayud, para pronunciar unha conferencia sobre Dereitos e deberes do menor.

O Congreso da Asociación Española de Pediatría inclúe outros congresos paralelos: o II Congreso Español de Reanimación Cardiopulmonar Pediátrica, a III Reunión Bienal da Sociedade Española de Erros Innatos do Metabolismo (Seeim) e a XVI Reunión Anual da Sección de Xenética Clínica e Dismorfoloxía (SGCD) da AEP.

Compartir: