DEPORTES

Uns 650 escolares participarán nos IV Encontros Deportivos da Asociación Española de Pediatría

05/06/2008 Os IV Encontros Deportivos da Asociación Española de Pediatría "O deporte é saúde", reunirán a 650 escolares de Santiago e da súa área de influencia, no estadio de San Lázaro, o venres 6 de xuño. Con este encontro preténdese promover hábitos de vida saudables.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, clausurará esta xornada, que se desenvolverá entre as 10:00 e as 13:30 horas, no marco do programa PASEA da Consellería de Sanidade, da celebración do 57 Congreso da Asociación Española de Pediatría e das accións do Plan Integral Deporte e Vida (PIDEVI), da Fundación Compostela Deporte.

Un dos obxectivos do Encontro, destinado aos nenos de entre 8 e 12 anos é desenvolver actividades deportivas entre os nenos de primaria para sensibilizar da importancia do xogo e dos bos hábitos saudables. Así, entregaráselles material informativo e realizarase unha avaliación física e unha enquisa sobre hábitos alimentarios e saudables.

Con esta xornada tamén se quere informar aos pais e nais, educadores e á sociedade en
xeral dos beneficios dunha vida sa e saudable na formación dos rapaces, e divulgar entre os medios de comunicación a necesidade de fomentar o deporte na educación dos mozos para mellorar a súa saúde presente e futura.

Tres áreas e unha xornada divulgativa
Para o desenvolvemento do IV Encontro Deportivo da AEP "O deporte é saúde" no estadio de San Lázaro estableceranse tres zonas diferentes por cada un dos grupos de nenos, nas que estarán atendidos por monitores deportivos. Nunha zona realizaranse xogos de tenis de mesa, noutra carreiras atléticas e noutra xogos con pelota. Ademais, haberá un expositor da Consellería de Sanidade de valoración de forma física e consello
personalizado sobre actividade física e alimentación, con persoal especializado do INEF. Realizaranse enquisas e tamén haberá un espazo con inchables, obradoiros e atraccións de baile.

O Encontro compleméntase coa celebración dunha xornada divulgativa o mesmo día 6 de xuño, no Palacio de Congresos, ás 19.00 horas. Estará a cargo do doutor Rafael Tojo Sierra e está dirixida aos pais e nais, educadores e adestradores, para fomentar a importancia dos hábitos saudables nos rapaces e rapazas.

O 36% da poboación galega morre por enfermidades cardiovasculares, o 26% por cancro e un 13% por enfermidades respiratorias. Isto supón un 75% das causas de mortalidade en Galicia. Moitas destas patoloxías están orixinadas por uns estilos de vida cunha tendencia perigosa cara a un consumo excesivo de graxas saturadas e, por outra banda, a unha inactividade prolongada. De aí a necesidade de traballar cos nenos para previr.

O encontro enmárcanse dentro das accións de desenvolvemento do PIDEVI, posto en marcha pola Fundación Compostela Deporte coa finalidade de poñer en valor os beneficios que reporta o deporte nos ámbitos da saúde, os bos comportamentos, a non violencia e o benestar social entre os deportistas de Compostela e do seu ámbito de influencia. Tamén forma parte das actividades complementarias do 57 Congreso da AEP, que se celebra en Santiago entre o 5 e o 7 de xuño e que reúne a máis de 2.200 pediatras.

Compartir: